Entrevista | Camilo Franco
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Palabras contadas (Xerais) é o título dun volume de relatos no que Camilo Franco (Ourense, 1963) volve apostar pola concisión como soporte narrativo. O autor, que tamén prepara unha exposición vinculada aos contidos do libro que se inaugurará na Fundación Seoane en xaneiro, presenta estes días a obra en bares de varias cidades galegas. -Case ningún dos relatos supera a páxina. -Hai unha teima co tamaño das cousas. Eu prefiro a profundidade ao tamaño: máis profundidade, menos superficie. Creo que a literatura debe ser máis polisémica e menos extensa. As obras longas pertencen a un tempo que non é o noso. Este libro é un intento de poñer en práctica a idea de que a narración é tan importante polo que explica como polo que non. -De feito, un apartado do libro presenta trinta argumentos de novela que apenas desenvolve. -Si, esa é unha proposta irónica que ten un pouso de comedia. Hai quen di que se non escribes novelas non es escritor ou es medio escritor. Para min o importante son os argumentos, pero tamén é unha forma de dicir que se non escribo novelas non é por falta de argumentos. Unha vez contado o argumento non lle vexo máis utilidade. -Moitos relatos abordan as convencións sociais. -Aceptamos as convencións con demasiada facilidade. Temos unha cultura convencional, no sentido máis amplo do termo. A novela é unha convención, por exemplo: parece que a novela e a literatura son o mesmo, pero non é verdade. Para o escritor é máis importante saber mirar que saber escribir, saber ver o outro lado das cousas. -Hai presenza do bélico en moitos relatos. -Igual é que vin moitas películas de guerra. Non é a propósito. A maquinaria occidental é a da guerra. Europa é un paradoxo: preséntase como o berce da civilización pero é o territorio onde se contan máis mortos por metro cadrado. -Tamén albíscase o futuro da Cidade da Cultura... -É un dos dous argumentos que máis me gustan. En Galicia estamos afeitos á literatura da memoria: cremos que todo ten que ser memoria primeiro. Por iso xogo co presente e o debate sobre a Cidade da Cultura está moi presente: dá para unha boa literatura de xénero, a do desastre, por exemplo.