Problemas de amizade entre as viúvas de «A vida por diante»

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

KOPA

Os afeccionados xa teñen á súa disposición un correo de contacto Un accidente de tráfico, un asunto de cartos e os fillos enfrontarán ás protagonistas.

30 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Ás veces, os cartos enturban as relacións de amizade máis consolidadas. Iso é o que acontecerá no capítulo de A vida por diante que se emite hoxe a partir das dez e cuarto da noite na Televisión de Galicia. Aurora e Renata tras sufrir un accidente de tráfico, pensarán na posibilidade de reclamar unha indemnización. Este feito provocará un gran desacordo entre elas. Renata verá clara a oportunidade de sacarlle certa cantidade económica ao seguro do automóbil, mentres Aurora non aproba o que pretende facer a súa amiga. Ademais, Renata -que segue co problema dos servizos sociais para recuperar a súa filla- por facerlle un favor a Roberto, non pode acudir a unha das reunións co psicólogo, isto complica o proceso para conseguir a custodia da nena. Roberto trata de compensala e ofrécelle de novo traballo no bar, posto que non gusta á traballadora social por ser un lugar que non semella o mellor sitio para unha muller ex alcohólica. Sexo Renata non será a única que teña complicacións cos fillos na entrega desta noite. Lucía deberá manter a primeira conversación sobre sexo con Mila, a súa filla. A nena atopa unhas revistas para adultos de Quique e os exemplares son descubertos pola súa titora, que inmediatamente se pon en contacto coa nai da pequena. Por outra banda, un problema co reloxo de Celso (un dos desaparecidos no naufraxio do Santoña), espertará en Lucía dolorosas lembranzas do pasado. As cinco viúvas da serie, producida por Voz Audiovisual, loitan cada semana por sacar adiante as súas familias, unha realidade galega abordada dende a óptica dramática pero non exenta de humor. O toque cómico do capítulo de hoxe virá da man de Sofía e de Marta. A primeira, que foi costureira e agora cose na casa para unha fábrica, é moi relixiosa e será a encargada de confeccionar un novo manto para a Virxe da súa parroquia. A Marta, que non é crente, amólalle a idea de ter a imaxe na súa casa e motivada por desfacerse da Virxe canto antes, non lle quedará máis remedio que axudar a Sofía a elaborar a capa santa.