Un roubo protagoniza o capítulo de hoxe de «A vida por diante»

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

DAVID KARP

Os problemas amorosos tamén animan esta serie de TVG O episodio da semana pasada foi líder de audiencia cun 20,5%, por riba das cadeas nacionais

09 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe, a partir das dez e dez da noite, a Televisión de Galicia ofrece unha nova entrega de A vida por diante. O capítulo da semana pasada, centrado no retorno do pai de Carlos e o descubrimento da existencia do seu neto, foi líder indiscutible do martes en horario de máxima audiencia, cun 20,5% de cota; por riba de todas as cadeas nacionais e das outras autonómicas. Esta noite as viúvas de Sada vivirán todo tipo de emocións. Sofía, farta de depender dos demais e convencida por Marta, comezará a disfrutar un pouco máis da vida e decidirase a emprender a súa primeira viaxe de pracer despois de moitos anos; o destino seleccionado, un balneario e a compañía elixida, a de Chano. Outra das mulleres protagonistas terá que enfrontarse ao feito de perder un obxecto moi especial cargado de lembranzas, despois de sufrir un roubo en plena rúa. Complicacións Entre outras historias cotiás que se desenrolarán ao longo do capítulo de hoxe, titulado O roubo, haberá tamén algúns feitos que complicarán a trama da serie mariñeira producida por Voz Audiovisual. Hans, o mozo de Carme, regresará a Sada coa intención de volver coa que fora a súa parella noutro tempo. Aurora descoñece moitos detalles desta relación, e por iso este asunto non lle vai gustar nada. Nesta nova edición de A vida por diante, Renata segue a ter dificultades para atopar un emprego, polo que Roberto lle proporá que volva traballar no bar. Esta oferta laboral non será aprobada pola traballadora social encargada do seu caso, xa que opina que un local coma ese non é o lugar máis indicado para a viúva, tendo en conta o seu problema co alcohol.