«A serie chega a todo o mundo»

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Entrevista | Belén Constenla A actriz ourensá interpreta a Lucía, unha das cinco viúvas que protagonizan a serie mariñeira «A vida por diante», que se emite todos os martes pola noite na Galega

02 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Belén Constenla é Lucía, unha das cinco protagonistas da serie A vida por diante, producida por Voz Audiovisual. Hoxe, a partir das dez da noite, A Galega emite o terceiro capítulo da nova temporada, no que Lucía está a vivir un momento moi especial da súa amizade con Bernardo. -¿Qué pasará coa relación entre Lucía e Bernardo? -(Risas). Lucía é bastante indecisa á hora de volver a ter un amor, entón vaille custar bastante decidirse. É como na vida real, sente que é necesario coñecer alguén novo pero hai trabas, ela ten un fillo... Non o ten moi claro. -¿Qué destacaría da nova temporada da serie? -Tocaranse moitos temas de actualidade, sen censura e sen pudor. Sairán reflectidas moitas cousas que existen na sociedade, que todos temos aí ao lado. Temas sociais como a tolerancia respecto ás razas, ao sexo... As veces serán tratados con humor, cando se poida, e outras con dramatismo. -¿Haberá máis alegrías? -Esta parte será máis relaxada. As protagonistas deixan un pouco de lado o feito de ser viúvas e van facendo a súa vida. Son todas moi diferentes, cada unha irá tendo sorpresas e novas experiencias. -Non debe ser fácil meterse nesta personaxe, ¿como asume tanto dramatismo? -Intentas facelo todo un pouco máis próximo e usar a imaxinación. Na tele non hai tantos ensaios coma no cine ou no teatro, tes que coñecer moito o personaxe e facelo teu, saber como reaccionaría en distintas situacións. As veces incluso pensamos que coñecemos á personaxe máis que os guionistas (risas). Tamén é moi importante ter un bo director de actores e os traballadores da serie temos moita sorte con Carlos Sedes. -Cinco mulleres protagonistas. ¿Pensa que é unha serie para público feminino? -A nós, ás cinco actrices, o que máis nos chamou a atención cando nos propuxeron a serie foi que falaba de cinco mulleres. Aquí en Galicia, coido que era a primeira vez que pasaba, que a muller non necesitaba ter un home protagonista ao lado. Curioso, cando en Galicia, moitas veces elas tiveron que sacar as familias adiante, xa fora pola mar, pola emigración... Pero non creo que a vexan só mulleres, pode que se identifiquen máis, pero a serie, chega a todo o mundo; nótoo pola xente que me para pola rúa. -¿En que situación están as series de ficción galegas? -Houbo un bum hai dous ou tres anos. Facíanse series de ficción e, ao mellor eran moitas para o noso país, pero todas se foron vendo, máis ou menos, todas tiñan o seu público. Deberían seguir fomentándose e seguir crecendo. Ao inicio, ninguén sabía moito de facer ficción pero foron aprendendo e cada vez hai máis calidade. Dende logo, é unha saída para moitos profesionais, tanto técnicos como actores. É a forma de ter unha canteira e de crear unha pequena industria. Vendo a televisión, creo que as series de ficción é algo que o público demanda actualmente. -O éxito audiovisual non a apartou dos escenarios. -Non, sigo facendo teatro. Agora, estou coa compañía Lagarta, lagarta. Xa levamos 50 representacións do espectáculo Carambola e seguimos; é unha comedia tola (risas), non ten nada que ver co que fago en A vida por diante.