Os tres centros de arte contemporánea presentan as primeiras exposicións compartidas A pintora viguesa Menchu Lamas expón en Santiago a súa obra recente a partires do venres
04 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Os tres centros galegos de arte moderna e contemporánea estrean entre este mes e o de outubro a nova temporada de exposicións con propostas diferentes, pero coa novidade de presentaren as primeiras mostras en común, que forman parte da iniciativa Proxecto Edición, dirixido polo responsable do CGAC, Manuel Olveira, e compartido co Marco de Vigo e a Fundación Luís Seoane da Coruña. Desenvolverase durante tres anos con eventos relacionados co mundo da edición como soporte de propostas de investigación e de creación artísticas. O Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago é o primeiro en botar a andar o seu programa. Estréao o vindeiro día 8 cunha exposición da pintora viguesa Menchu Lamas, unha das integrantes do movemento Atlántica, que presenta ate o 10 de decembro a súa obra máis recente baixo o título A sombra na man/ A viaxe das formas , comisionada por Donald Kuspit. O centro compostelán incrementa a oferta do outono-inverno coa inauguración, o día 14, da primeira das montaxes compartidas: O futuro da actualidade , unha proposta artística na que distintos artistas analizan a realidade dos medios de comunicación e a imaxe do mundo que ofrecen. Esta primeira mostra, que se poderá ver ate o 10 de decembro, terá outro fronte aberta no Marco de Vigo, onde se inaugura o 15 deste mesmo mes a exposición de Martín Pena Espazos de recreo , que estará aberta ate o 3 de decembro. Este artista elaborou un arquivo de imaxes de patios de recreo de centros escolares de Galicia, que se irán ampliando con incorporacións de novos materiais ate darlle corpo a memoria transxeracional coa tradición oral como base. O Museo de Arte Contemporánea de Vigo bota a andar a temporada expositiva do outono cunha colectiva de pintores que baixo o título Pintura mutante reúne a obra dalgúns artistas españois que experimentan a crise e renovación da pintura, amosando dunha banda o traballo con recursos alleos ou externos á pintura e, doutra, o que se fai cara afora, cunha expansión espacial e conceptual do pictórico. A Fundación Luís Seoane estrea a súa programación artística e pedagóxica no mes de outubro coa mostra Do primitivo na arte galega hasta Luís Seoane. Procesos de creación artística e de identidade nacional , na que se verán reunidas preto de setenta obras de destacados artistas galegos da primeira metade do século XX. A primeira montaxe compartida e producida dentro do Proxecto Edición que se verá nas salas da fundación coruñesa estará aberta ao público entre os meses de decembro e marzo do 2007. Trátase da proposta Palabras contadas , que materializará con distintos recursos audiovisuais e expositivos os relatos curtos do escritor e xornalista Camilo Franco.