A imposibilidade para conseguir estreas impídelles competir cos complexos multicines Dos primeiros espazos con dúas pantallas xa case non queda ningún en toda Galicia
29 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Los cines cos que contaba Galicia cando se firmou o primeiro Estatuto de Autonomía non queda ningún con exhibición regular e continuada. Os grandes cines cunha pantalla que agora parece xigantesca desapareceron en beneficio das multisalas, agás restauracións institucionais e resistencias heroicas. O outro dato é que dos grandes espazos cinematográficos case ningún foi recuperado para ofrecer cine, agora son supermercados, tendas de multinacionais de roupa ou incluso salóns parroquiais. Galicia conta con arredor de 200 salas, unha cifra considerablemente superior á de hai 25 anos. Pero o negocio da exhibición cinematográfica cambiou por completo. De feito, algúns dos seus empresarios aseguran que deixou de ser un negocio. A realidade e as cifras coinciden en sinalar unha concentración da oferta cinematográfica en complexos comerciais que foron abrindo ao longo da última década e que quizais teña a súa máxima expresión en Lalín, con dous complexos con cinco salas cada un. Os números indican que as salas galegas perderon case un millón de espectadores entre o 2004 e 2005 e a SGAE sinala que o gasto medio dun galego en cine é de 8,7 euros por ano, o que deixa a Galicia como quinta comunidade por abaixo entre as do España e moi lonxe dos 13 euros de media do conxunto. Os principais prexudicados desta progresiva concentración cinematográfica son os cines das vilas e os cines máis vellos das cidades, case todos eles xa adaptados a esa norma comercial dos oitenta que os obrigou a dividir os seus os espazos para ofrecer cando menos dúas pantallas. Pero incluso estes cines están hoxe atrapados entre o desinterese das distribuidoras por atendelos e o tirón dos grandes centros nas capitais provinciais. Coa resistencia case de película heroica de cines como o de Cariño ou a persistencia de cines como o Imperial en Nigrán, atado á época estival, e mesmo o do cine Avenida en Caldas de Reis, van en contra dunha corrente progresiva dos últimos meses que van desde a desaparición dos Equitativa coruñeses ata os Matrix en Tui. Cines que xa buscaran no pasado un acomodo aos tempos e que foran herdeiros doutro xeitos de exhibición, moi identificada agora sentimentalmente, que pasaba por cines inmensos con fotos coloreadas de grandes estrelas de Hollywood dos cincuenta e carteis pintados nas fachadas.