«Libro aberto» estréase esta noite con Fernández Paz como convidado

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Este novo espazo da TVG pretende difundir o traballo dos escritores de Galicia O programa complétase cunha sección sobre as novidades editoriais en galego

02 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?s notas do músico de jazz Baldo Martínez sinalarán esta noite (TVG, 0.15 horas) a estrea de Libro aberto , un novo espazo que ten como obxectivo difundir o traballo dos escritores galegos e fomentar a lectura. Libro aberto aspira a que os afeccionados galegos á literatura se familiaricen coa sintonía do programa e que cada mércores coñezan a través do programa as opinións de escritores senlleiros e as novidades relacionadas co sistema editorial galego. L ibro aberto terá como rostro recoñecible a Manuel Romón, quen en cada emisión entrevistará a un autor con publicación recente pero de ampla traxectoria, e recibirá aos colaboradores do programa para abordar distintas novidades. Na estrea será Agustín Fernández Paz o primeiro convidado, quen, ademais de responder ás preguntas de Romón será interpelado por membros do clube de lectores Lonxa Literaria de Moaña. Na segunda parte de Libro aberto , Xesús Fraga e Laura Caveiro falarán das traducións de Brooklyn Follies , de Paul Auster e Xuntos e máis nada , de Anna Gavalda, respectivamente, mentres que Ramón Nicolás achegará ao andel de novidades. Ao longo de máis emisións, o espazo tratará as letras da lusofonía, a arte, as viaxes e outros temas. Detrás das cámaras, Libro aberto ten como director a Luís Rei Núñez, a Odón de Pascual como realizador e a Olalla Vaamonde como redactora.