Escritores entre os grelos

La Voz S. G. | CARBALLO

TELEVISIÓN

ANA GARCÍA

Crónica É sabido que hai moitas feiras de escritores, pero o que non hai son escritores nas feiras. Esta eiva foi sandada onte no mercado de Carballo, cunha insólita iniciativa que se espallará por Galicia

12 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? iniciativa chámase Biblos Difusión, xurdiu pola traballo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Galiza Nova de Bergantiños e o Biblos Clube. Naceu onte na feira de Carballo, á que acudiron dez escritores. «Se a xente non se achega á literatura, pois achegámonos nós á xente», explicaba a autora María Canosa Blanco. Estableceron tres maneiras de aproximarse ao público. No xardín, na beira dos postos dos froitos da horta, ergueuse unha carpa, na que todos os que se achegaban a ela participaban en xogos: unha sopa de letras, un dameiro, completar uns versos... Pasaron ao redor de trescentas durante a mañá, e os que xogaban ben marchaban contentos e cuns libros de agasallo. Todos, sen distinción, levaron un folleto de catro páxinas co relato Amor ás cegas , de Francisco Fernández Naval, unha historia de amor que protagonizan dous invidentes. A outra maneira de achegarse á xente era o reparto desa folla a pé de mercado. Ofrecéndoa directamente a paseantes, mercantes e visitantes. O propio Fernández Naval colaborou, moi ledo pola acollida. E con anécdotas tamén: «Algúns, cando vían que o folleto poñía Biblos, pensaban que era algo da Biblia. E dicían, ¡iso é da igrexa dos protestantes!», explicaba divertido. «Algo protestantes si que somos, porque protestamos moito», engadiu Tucho Calvo, de Biblos. A terceira vía foi a máis achegada de todas. Os escritores tiñan que participar nun xogo: dispersarse pola feira para ver quen os coñecía. O que máis autores ollase, non tiña máis que ir á carpa da organización para dicir cantos contara e participar no sorteo dun bo lote de libros. Non foi ninguén. Malia todo, a experiencia, primeira en Galicia deste tipo desde os anos vinte, encantoulle aos autores. «É un contacto por inmersión, e de paso a ver se apaño unhas cebolas», confesaba Yolanda Castaño antes de, efectivamente, mercalas. Cando todos marcharon, deixáronlle un feixe de folletos a Alfredo Brañas, sedente e de bronce na rúa Coruña, para que seguise repartindo.