O 'Sinbad' de Cunqueiro preséntase en Marrocos na súa versión árabe

Tucho Calvo ENVIADO ESPECIAL | CASABLANCA

TELEVISIÓN

A editorial Marsam promociona o volume no Salón do Libro de Casablanca A historia do famoso mariñeiro constitúe a primeira tradución dunha obra galega á lingua árabe

15 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Moi lonxe da espectacularidade que acadan outras mostras deste tipo que son para nós referencias coñecidas pola súa repercusión nos medios de comunicación (Madrid, Fráncfort, Guadalajara, etcétera), pero localmente tan importante como para ter sido inaugurado polo rei de Marrocos, o 12 Salón Internacional da Edición e do Libro que se celebra na cidade de Casablanca supón sobre todo unha aposta de futuro. Porque desde o Instituto Cervantes contémplase como unha porta máis para achegar a cultura española e a creación nas diferentes linguas do Estado a un pobo que mira con especial atención todas as oportunidades que lle confire o veciño do norte. Aberta desde o pasado día 10 deica o 19 nun vello edificio situado á beira da monumental mesquita mandada contruír polo anterior rei, o salón dedicou o día de onte ás letras galegas coa presentación da primeira tradución ao árabe de Si o vello Sinbad volvese ás illas , de Álvaro Cunqueiro, que levaron a cabo Larbi El Harti e dous dos seus ex alumnos, Abdelilah Haki e Badina Nahass, para a editorial Marsam. Na presentación estiveron o editor en árabe e mais Carlos Lema en representación de Galaxia (responsable da edición orixinal), o escritor César Cunqueiro (fillo do autor homenaxeado) e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, aos que se sumarían os presidentes do Pen Clube marroquiano e galego en dúas mesas redondas posteriores sobre Galicia e a nosa literatura. Os dous mil exemplares deste lanzamento que se distribuirán no país e por diversos puntos do mundo árabe é todo un acontecemento que recollen con amplitude os medios de comunicación. Porque hai que ter en conta que Marrocos edita menos de catrocentos títulos ao ano en todas as linguas -moi lonxe dos máis de mil que aparecen só en galego para unha poboación que non acada nin a décima parte da comunidade galega- mentres importa unha gran porcentaxe de libros de Francia.