O libro póstumo dun mariñeiro

Camilo Franco REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Jacobo Barros foi biólogo no Gran Sol, escribiu unha novela en secreto e faleceu nun accidente no mar cando contaba 31 anos. O texto acaba de ser editado por Sotelo Blanco

18 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Jacobo Barros faleceu con 31 anos nun accidente de buceo en Papúa-Nova Guinea. Era biólogo de profesión, e unha boa parte da súa vida profesional empregouna nos barcos do Gran Sol, de Terranova e mesmo nos que andan ao peixe espada no Índico. Entre marea e marea, Jacobo Barros escribiu unha novela de mariñeiros galegos nese espazo mariño con moito sufrimento e case ningunha literatura que é o nordeste europeo do Atlántico. Escribiu a novela, mantiña un diario e algúns versos, pero a actividade era secreta para os seus pais, que só a coñeceron tras ter que ir recuperar o cadáver do seu fillo a Papúa. A novela acaba de ser editada por Sotelo Blanco «tal e como a deixou escrita» o autor, segundo asegura o seu pai, Xosé Manuel Barros. Os asuntos de Casteltón é unha novela sobre o mar ou, para explicalo mellor, unha novela sobre a vida dos homes no mar. Son homes e son galegos, e este libro de case catrocentas páxinas pode ser entendido como unha contribución a un argumento, o mar, co que Galicia ten eternas contas pendentes literarias. Segundo a responsable de Sotelo Blanco, Belén Fortes, o libro «retrata a vida dos mariñeiros galegos no Gran Sol». A editora asegura que a virtude deste libro é que foi escrito por alguén «que tivo a experiencia, que compartiu a vida cos mariñeiros e coñeceu unha dureza que é case imposible de explicar se non se padece». O pai de Jacobo Barros asegura que a experiencia do seu fillo nos barcos «nótase ben na novela, que, antes que outra cousa, é unha homenaxe aos mariñeiros», a quen o seu fillo «observou moi de preto e con quen compartiu moitas da tarefas da vida mariñeira atrapada na curta distancia entre estribor e babor». Jacobo Barros foi biólogo neses barcos que van lonxe buscar o peixe e que están dotados para todo menos para a comodidade dos mariñeiros. Pero, segundo o seu pai, a relación que se deu entre o seu fillo «e as dotacións dos buques non foi a habitual entre un biólogo e os mariñeiros». Segundo o pai do escritor, este «foi integrándose nas tripulacións, superando esa barreira social de proceder da universidade nun mundo de xente endurecida polas condicións de vida e que mantén certa distancia coa xente que non ten a mesma procedencia». Esa proximidade coas tripulacións e ter participado nas tarefas dun mariñeiro, alén das ocupacións de biólogos, queda clara nas páxinas desta novela que se detén nas descricións dos ambientes, nos detalles dos personaxes pechados en cámaras cativas, pegados a traballos con tremendos requirimentos físicos, desenvolvendo unha camaradería inusual e, como asegura Belén Fortes, «saíndo adiante entre o sentimento da derrota e a loita diaria por sobrevivir». O testemuño vital que ofrece Os ausentes de Casteltón é subliñado polo pai do desaparecido autor e mais pola súa editora en sentidos diferentes. O pai asegura que lle leu anacos da novela a mariñeiros de Camelle e que a contestación foi: «Non conta mentira». A editora indica que a escrita de Jacobo Barros ten a viveza «da fala dos mariñeiros galegos», referíndose á gheada, ao seseo e as formas dialectais do galego que o escritor escoitou nas súas mareas. Neste sentido, Belén Fortes sinala a «frescura» con que está escrita esta novela, indicando que a preocupación do escritor é «contar as cousas que viviu coa mesma viveza con que as viviu». Para a editora, Os ausentes de Casteltón é un libro dunha lectura «fresca e moi viva, que conta con moito realismo e con humor a vida dos mariñeiros no mar».