«A tradución de clásicos é básica para a normalización da lingua»

La Voz X. F. | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

A Carlos Blanco faille especial ilusión que a Biblioteca Galega de Clásicos Universais comece por «Romeo e Xulieta», xa que soña con dirixir algún día a Shakespeare

31 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Que sensacións evoca o nome de Shakespeare nun actor? ¿Impresiona? ¿Quizais produza pánico escénico? O actor Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959), é un habitual das series televisivas - Mareas vivas , por exemplo- e tamén se incorporou á gran pantalla, con papeis recentes en películas como Cargo, Para que non me esquezas ou Heroína , entre outros traballos. Pero Blanco é ademais un gran coñecedor das táboas dos teatros, ben en espectáculos propios como Dillei ou representando os textos de grandes autores. Ao escoitar falar de Shakespeare, o actor elixe a palabra «soño» para definir o que lle inspira o dramaturgo inglés. «Para min representa unha meta. Cando alguén che pregunta se tes un soño, eu diría que o meu é probablemente dirixir, ou polo menos interpretar, un Shakespeare». -¿Que ten que non teñan os demais? -Tenno todo. Xa sei que soa a tópico, pero é que cada vez que les unha obra súa é unha marabilla, un goce continuo. Porque as súas pezas non só son historias moi ben contadas, senón que están cheas de poesía. Shakespeare urdía os enredos máis marabillosos e as súas obras teñen pequenas trampas nas que caen moitos directores: facer un Iago moi perverso, concibir unha Lady Macbeth moi malvada... Para min, dirixir Romeo e Xulieta sería un soño. De feito, xa teño unha contada na que sitúo a historia en Galicia. Romeo pertence aos Riazor Blues e Xulieta é celtarra, que son como Capuletos e Montescos, irreconciliables. E conto como se atopan, a través dun valado, e se insultan, e namoran, e falan a través de Internet. Mesmo teñen que recurrer a un home bo e neutral, que neste caso tiña que ser Arsenio. Para min, o momento máis bonito de Romeo e Xulieta é a única noite que pasan xuntos e fan o amor. Quedan durmidos porque están cansos e espértaos o canto dun paxaro. E non saben se é un reiseñor, o que significa que é noite e poden seguir xuntos, ou se se trata dunha laverca, que anuncia o amencer e a súa separación. No meu conto o que oen é un gol en Riazor e non saben se marcou o Dépor ou o Celta. -Que a historia poida adaptarse a tantas culturas e en épocas distintas significa que resiste a proba do tempo. -E que é un clásico, unha obra monumental, que expón os conflitos humanos, o amor, a ambición, o medo a morrer. Hai moitos amantes aos que hoxe lles pasa o mesmo, que se coñecen por Internet ou no instituto e que os seus pais non queren que se vexan, non lles deixan. Como a súa historia, Shakespeare é eterno. -Antes empregou a expresión «ler 'Romeo e Xulieta'», que é importante destacar: o teatro é para ver, pero tamén é unha lectura moi pracenteira. -E Shakespeare moi especialmente. A poesía que ten o seu idioma fai que as súas obras poidan ser consideradas poesía en si mesmas. Como se expresa, as imaxes que emprega, fan que cada vez que o esteas lendo penses, «que ben feito está, como se podía escribir tan ben». Hai que destacar a beleza do seu texto. No teatro é unha experiencia magnífica, pero ás veces quedan cousas inadvertidas ou que se te escapan, e na casa tes o libro para repasar e prolongar a marabilla do escenario. Ademais, os libros de teatro lense moi rápido, ao mellor en dúas horas rematas a obra, o que tamén é unha comodidade. -¿Que lle parece o feito de que este libro e outros poidan lerse nas súas traducións ao galego? -É fundamental. A tradución de clásicos é básica para a normalización da lingua. Poder ler os textos universais no nos idioma é unha marabilla. Para que estean a disposición da xente nova, que traballen con eles nos institutos. Hai que normalizalo. Paréceme ben. -Agardo que axiña poida cumprir o seu soño de dirixir a montaxe dunha obra de Shakespeare. -Oxalá. De verdade, xúroche que é o meu soño.