A Real Academia escolle a Manuel Lugrís para o Día das Letras do 2006

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O escritor tivo unha destacada participación na redacción do primeiro Estatuto de Galicia O autor sadense foi un dos membros fundadores da centenaria institución

02 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O plenario da Real Academia Galega (RAG), reunido onte na Coruña en sesión ordinaria, acordou dedicar o Día das Letras Galegas do ano 2006 a Manuel Lugrís Freire. A RAG xustificou a decisión de homenaxear a Lugrís o vindeiro 17 de maio pola súa decidida contribución á defensa e promoción do idioma galego. A Real Academia salientou que a biografía e a obra de Lugrís (Sada, 1863-A Coruña, 1940) amosan «unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais», segundo reza o texto do acordo da Academia feito público onte. Biografía Entre os datos biográficos máis salientables do autor está o feito de que Manuel Lugrís fundou en Cuba o primeiro xornal escrito integramente en galego - A Gaita Gallega , que se editou entre os anos 1885 e 1889-; foi un dos membros fundadores da propia Academia Galega e o seu presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935; e foi o primeiro dos presidentes da institución en usar en público o galego nun mitin. Aconteceu no ano 1907 en Betanzos, nun acto do Sindicato Solidaridad Gallega, do que tamen tiña sido fundador. Asemade, Lugrís participou no ano 1916 na constitución da Irmandade da Fala da Coruña; e en 1922 publicou Gramática do idioma galego , a primeira escrita na nosa lingua. No ano 1923 ingresou como correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Eduardo Pondal; e en 1932 participou na redacción do anteproxecto, que logo acadaría a categoría de proxecto definitivo, do Estatuto de Autonomía de Galicia, en representación do Partido Galeguista. Teatro No que respecta á súa produción literaria, Manuel Lugrís tratou practicamente todos os temas e todos os xéneros, pero entre eles destaca sobre todo a súa obra teatral, coa que inaugurou o teatro galego en prosa. Tamén a poesía é unha das materias ás que Lugrís dedicou gran parte do seu esforzo creador. Publicou o seu primeiro libro de versos, Soidades, no ano 1894, aínda que o seu segundo poemario, Noitebras , retrasouse ata o 1901. Ritmo Foi a partir do comezo do século XX cando a súa producción acadou un ritmo máis elevado. En 1903 editou A Ponte , unha peza teatral que se estreou no Teatro Principal da Coruña ese mesmo ano; e en 1904, o drama Minia , que se estreou no Teatro Jofre de Ferrol. Tamén daquela, no Teatro Principal da Coruña, estreou o drama Mareiras . En 1906, Manuel Lugrís deu a coñecer a obra Esclavitú , que sería estreada catro anos despois, en 1910. Un ano antes daquela data tiña publicado Contos de Asieumedre ; e, dez anos despois, Versos de Loita e a comedia Estadeíña . En 1927 chegou ás librerías o libro de poemas Ardencias , e, ao ano seguinte, outro poemario que titulou As mariñas de Sada , baseado na comarca que o veu nacer. Ademais da súa produción literaria hai que destacar as súas colaboracións na prensa da época, da que dan boa mostra os numerosos artigos publicados en Revista Gallega , A Nosa Terra , A Gaita Gallega e El Eco de Galicia , entre outros xornais e publicacións periódicas.