Historia social da lingua
06 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A normalización lingüística constitúe un obxectivo de recoñecemento oficial e de restauración social e institucional que se pon en marcha no último terzo do século XX. Trátase dun obxectivo encamiñado á procura dunha recuperación integral da lingua: a súa forma lingüística, os seus usos sociais e o seu status legal. Xa no século XIX xurdía en Galicia, da man dos autores do Rexurdimento, unha reflexión sobre a preocupante situación do galego e a necesidade da súa rehabilitación social. Pero será a partir da década dos anos 50 e 60 do século XX cando esta reflexión, agravada se cabe polos efectos negativos do franquismo, adquira unha dimensión cuantitativa e cualitativa relevante, xa que a reivindicación lingüística comeza a vincularse coa cultural, en primeiro lugar, e coa político-social. Os antecedentes do «discurso normalizador> hai buscalos na estratexia culturalista do grupo Galaxia, artellada por Ramón Piñeiro. Máis adiante, distintas organizacións políticas, sindicais e cidadás da fin do franquismo fixeron da normalización do galego un obxectivo socio-político prioritario, en conxunción con reivindicacións similares existentes no resto de comunidades de España con lingua propia. Pedíase inicialmente o recoñecemento social e legal da lingua galega e a asunción institucional da súa defensa e promoción. Tras a morte de Franco en 1975, mudou o marco político e instarouse o estado autonómico, plasmado na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, no que se recolle que o galego é a lingua propia de Galicia e a súa oficialidade. Ese recoñecemento oficial concretouse posteriormente na Lei de Normalización Lingüística (LNL), aprobada polo Parlamento de Galicia por unanimidade en 1983. A LNL regula os dereitos da cidadanía para empregar a lingua galega e incide especialmente en tres ámbitos sociais: a administración, o ensino e os medios de comunicación. Do contido da LNL tirouse un conxunto de consecuencias que hoxe, na maior parte dos casos, están plenamente asumidas pola sociedade galega: as relacións con calquera administración poden realizarse en galego, a única forma válida dos topónimos galegos é a súa forma en lingua galega, as administracións local e autónomica redactarán en galego a súa documentación oficial, galeguízase o sistema educativo desde a educación infantil e primaria, e garántase a necesidade de promocionar a lingua galega nas comunidades exteriores con presenza galega. Todo isto permitiu ir construíndo un proceso social e institucional de recuperación do coñecemento, uso e valoración do galego ao mesmo tempo que se ían dando pasos significativos na súa presenza nas institucións públicas, no sistema educativo e na vida social. A normalización do galego durante a última parte do século XX estivo baseada no aumento dos seus usos e funcións sociais formais, na sensibilización cara á lingua e na atenuación dos prexuízos ante a lingua e ante os seus usuarios, e no aumento da competencia lingüística (principalmente na capacidade para falar e para escribir). Peor nas clases máis baixas En primeiro lugar, prodúcese unha certa expansión dos ámbitos de utilización da lingua galega, así como un aumento das súas funcións sociais. A introdución da lingua na administración, no sistema educativo, no ámbito da política ou nos medios de comunicación públicos son boa proba disto. Algúns autores, con todo, teñen argumentado que este cambio só está promovendo un uso formal e liturxizante do galego, sen que tales esforzos estean supoñendo o detemento do proceso substitutorio. En segundo lugar, o proceso de normalización centrouse en conseguir da cidadanía unha opinión favorable ao galego, aos seus usos e á súa imaxe social. A existencia de valoracións negativas e de prexuízos respecto da súa viabilidade social foi considerado un aspecto central do proceso de abandono da lingua e, xa que logo, cumpría eliminar tales connotacións negativas. Aínda sen desapareceren totalmente, as actitudes negativas e os prexuízos respecto do galego diminuíuron considerablemente. E, en terceiro lugar, o aumento da competencia en galego foi outro dos obxectivos centrais da normalización do galego. A introdución da lingua no ensino non universitario e a difusión do modelo de lingua estándar, normativizado tras a aprobación das normas de 1982, permitiu ampliar considerablemente o coñecemento da lingua á hora de falala, lela e escribila, principalmente entre os sectores sociais máis mozos. Malia a evidente e substancial mellora do marco legal e institucional, a situación social da lingua galega dista aínda de ser a dunha lingua plenamente normalizada. Aínda que avanzan os seus usos en ámbitos formais e elaborados, retrocede alí onde sempre se mantivo firme: no mundo rural e mariñeiro e nas clases vilegas e urbanas menos acomodadas. O mundo dos medios de comunicación, o do ensino e o comercial e empresarial seguen sendo máis favorables ao castelán. Resta, xa que logo, un labor intenso por diante para facer mudar esas situacións e encarreirar a lingua por vieiros que garantan o seu presente e futuro.