O CDG proxecta unha programación estable de teatro para nenos

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

PACO RODRIGUEZ

A institución galega creará un foro de opinión dirixido a mestres e alumnos A publicación do DVD e o CD de «As laranxas» abre a colección audiovisual do centro

23 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

? Centro Dramático Galego creará un foro de opinión teatral dirixido aos mestres e alumnos do país que se porá en marcha paralelamente a cada produción infantil que acometa esta institución. Esta iniciativa forma parte dunha serie de medidas adoptadas pola unidade de producción teatral do Igaem para achegar o teatro aos máis cativos, fundamentalmente a través das escolas. O foro de opinión realizarase a través de Internet e recollerá as iniciativas dos axentes educativos e mais dos escolares. Segundo a institución, o proceso de comunicación que se abre deberá servir para pór en marcha procesos diferentes e con maior participación dos espectadores cando se trate de producións destinadas ao público infantil. Unha vez que o centro, despois de dúas décadas de existencia, descubriu o teatro para os cativos coa produción de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas , a intención manifestada polo director do CDG é a de representar unha obra infantil cada dous anos, aínda que a periodicidade pode ser diferente, en función da programacion de cada unha das temporadas. A inicitiva do foro estará acompañada por outras tamén destinadas a chamar a atención dos públicos infantís nas escolas. Unha delas é o inicio dunha colección audiovisual que acaba de inaugurarse co material procedente da obra de Carlos Casares. Ademais da unidade didáctica da obra, o Centro Dramático Galego acaba de poñer na rúa un DVD coa gravación realizada pola Televisión de Galicia da montaxe dirixida por José Caldas e mais un disco que, a modo de banda sonora, incorpora as sete cancións que formaban parte do espectáculo. A intención do CDG é que, seguindo a frecuencia de produción de obras para nenos, se poidan ir ofrecendo ás escolas este mesmo material de todas e cada unha das montaxes que se fagan no futuro. Segundo a institución, a exitosa acollida que dispensaron os máis pequenos dos espectadores serve para afianzar este modelo de especial atención á creación de novos públicos entre os cativos. As cifras de espectadores rexistrados por As laranxas más laranxas de todas as laranxas foron de 16.300 repartidos en 69 funcións, nas que se inclúen os alumnos de máis de cen centros escolares que tiveron a oportunidade de ver a obra.