INTERFERENCIAS | O |

19 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTA noite é a festa anual do audiovisual galego e a TVG, como parte importante do mesmo, quizais o seu motor principal, emitirá en prime time os Premios Mestre Mateo 2004, que promove a Academia Galega do Audiovisual. Será unha boa ocasión para confirmar que o talento agroma en cada candidatura e a plena fervenza do sector. Sobre todo certificará que comeza a haber unha saudable renovación xeracional, con valores novos incorporados diante e detrás das cámaras, sexa cine, televisión, publicidade ou multimedia. Cada vez máis. Pero sobre todo, a gala dos MM04 deberá ser un bo espectáculo televisivo. Moito se ten evolucionado neste tipo de galas desde que os Óscar eran únicos e a súa cerimonia, o modelo a imitar nas diferentes academias. De ser uns insufribles clones pola ausencia do glamur que lle restaba atractivo diante dos telespectadores, á procura de ofertas propias que no caso galego terá esta noite unha proposta orixinal e divertida para coa audiencia galega, a primeira a quen vai dirixido o audiovisual propio. O espectáculo ideado e coordenado por Ángel de la Cruz e Mamen Quintas á fronte dun equipo entregado, tentará pulverizar o share desta noite. Sobre todo polos centos de profesionais, nomeados ou non, que están a facer posible imaxes galegas.