O reencontro con dous mitos

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

Crónica | O retorno de dúas grandes figuras da lírica galega Miro Casavella volta con «Orvallo», un disco poético que pon énfase no canto, mentras que Xil Ríos Moaña faino cun traballo no que se achega as novas correntes da música folk

15 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando Xil Ríos saltou á fama ao gañar, en 1973, o Festival do Miño, Miro Casabella xa levaba cinco anos compartindo escenarios de resistencia e compromiso cos que, naqueles anos escuros, libraban a batalla pola liberdade. Nin un nin outro deixaron nunca de cantar, pero reaparecen con sendos traballos nun reencontro anovador. Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) presentou onte na galería Sargadelos de Santiago o disco Orvallo , unha escolla de temas nos que a súa voz, acompañada só coa súa zanfona, unha cítara ou unha guitarra clásica, recupera a poesía do cancioneiro medieval, do que achega dúas cancións do século XIII, e versos de autores contemporáneos como Salvador García-Bodaño. Miro, que non volvera gravar dende que no 81 sacara O son da estrela oscura co grupo folk Doa, que abondonou no 83, asegurou que este traballo non é a súa volta, «porque non volvo a ningún lado, e os que o farán, se cadra, son os que volvan escoitarme, porque sempre cantei, nunca a deixei de forma non profesional». Tampocuo deixou de estar aí, na brecha, Xil Ríos, o mariñeiro de Moaña que animou festas e verbenas coa súa canción lixeira en galego. Xirarei e Rapaciña bonita fican no imaxinario colectivo como éxitos sen precedentes. Agora, Xil promociona un novo disco, Vai e ven , co que afronta o reto dun cambio de estilo, de rítmo e de son. Explicou que é un traballo que levaba tempo na súa cabeza, e que decidiu dedicarlle un tempo a preparalo. «Estaba saturado dos temas nunha mesma liña -aclarou-, e por iso levo catro anos sen facer galas nin gravar, porque me dixen que se non saía algo que me convencera non volvía cantar». Pero regresa con temas nos que colaboran artistas coma os gaiteros Budiño e Susana Seivane, e a cantante Uxía. Aí están, para o deleite na intimidade e a ledicia rexoubeira, os resultados da madurez creativa de dous artistas que cantan en galego ás novas e a vellas xeracións.