«Prestige», dous anos

TELEVISIÓN

HOXE VEREMOS a segunda entrega das sete que compoñen a serie documental A catástrofe do Prestige, dous anos despois, producida pola territorial de TVE en Galicia, e realizada por numerosos profesionais do Centro. O ambicioso proxecto, con clara vocación de servicio á sociedade que máis de preto padeceu (e padece) as consecuencias do afundimento do Prestige , arrancou o sábado con Sete días de novembro , magnífica crónica-resumo do acontecido entre o 13 e o 19 de novembro de hai dous anos, a cargo do moi solvente Xosé Manuel Pereiro. Imaxes de arquivo alternadas con declaracións recentes de quen as quiso facer (entre eles os políticos do PP, Fernández de Mesa ou López Veiga), con recadro para quen se negou. Impecable no formal e no narrativo, sen averiar o ton crítico que a traxedia do Prestige aínda admite, Pereiro, sabedor de que o tema non está para festas, optou polo agradecido recurso á ironía en numerosas ocasións, aparte de impregnar a súa entrega de suxerentes referencias cinéfilas e musicais. Traballo de estilo.