O PEN clube entregou os premios Rosalía de Castro ás literaturas ibéricas

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

As distincións concedidas a autores en lingua castelá, portuguesa, catalá e vasca chegan á quinta edición O escritor brasileiro rachou co cerimonial do acto celebrado no pazo de Fonseca

30 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Os escritores Francisco Brines, Rubem Fonseca, Carme Riera e Ramón Saizarbitoria recolleron no pazo de Fonseca os premios Rosalía de Castro concedidos polo PEN Clube de Galicia en recoñecemento ás súas traxectorias nos sistemas literarios en lingua castelá, portuguesa, catalá e vasca, respectivamente. O narrador brasileiro Rubem Fonseca, o segundo dos galardoados en tomar a palabra tras as intervencións do presidente do PEN, Luís González Tosar, e do mantedor do acto, Bieito Iglesias, rachou co habitual cerimonial e decidiu falar de pé, no medio e medio da área dos doutores do Salón Nobre de Fonseca. Movéndose para non darlle as costas máis duns segundos a ningún dos asistentes, dixo que recibir o premio o facía dobremente feliz, porque no acto estaba acompañado pola súa familia. E logo de citar á súa nora, aos tres fillos e á súa neta, concluíu: «Nunca este pazo de Fonseca foi tan Fonseca coma nesta hora». Rubem Fonseca seguiu falando coa mesma naturalidade e enerxía para salientar a importancia da lingua entre as manifestacións da identidade cultural dun pobo, «que desaparecería se non se fortalecese en todos os seus contextos». Por iso louvou a Galicia, ao pobo e as entidades coma o PEN, «por vencer as ameazas e conseguir que a súa cultura e a súa identidade se mantivesen». Francisco Brines, escritor valenciano en lingua castelá, fixo unha louvanza encendida de Rosalía de Castro no seu discurso. Tamén tomaron a palabra a narradora, guionista e ensaísta mallorquina Carme Riera, que dixo que cando pensa en Rosalía pensa nos milagres. O escritor vasco Ramón Saizarbitoria non puido vir recoller o premio por mor dun accidente. Estivo representado por Fernando Cao.