O veterano actor galego fai o papel dun home de memoria prodixiosa que vive dos seus recordos, aínda que só aspire a levar unha vida normal e propia
07 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Manuel Lourenzo é historia viva do teatro galego, onde fixo e fai os labores de director, escritor ou actor. El di que non é polifacético, que a súa capacidade débese á necesidade: cando empezou na farándula tiña que facer de todo para ir vivindo, e agora xa non quere ter que elixir. De cando en vez rompe a tensión do teatro para facer pequenos papeis na televisión, un traballo que non é tal para quen creou compañías como O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro ou Casahamlet. -Este é un individuo que ten unha memoria fotográfica, recorda todo o que le nos periódicos. E vive diso, de mostrar os seus poderes. É un personaxe fabuloso porque é moi conflictivo. -¿Ah, si? ¿por que? -Si, porque vive nunha contradicción permanente. O seu traballo é recordar cousas, pero vive nunha cámara branca para descansar, para non ter estímulos visuais nin auditivos que lle carguen o cerebro de información. O señor Memoria pasao mal, porque ten a vida cargada de historias dos demais. Pero aínda diso ten que mostrar boa cara para todo o mundo. Está farto de vivir así, de ser un mensaxeiro, de subsistir dos recados dos demais. -¿E como fai vostede para meterse no papel dun home así? -A información está no guión. Eu non me complico demasiado nestas cousas. Fíxome no estupor que causa un home así. -¿Cre posible o personaxe? -Ten cousas posibles, como que é moi admirado pero á vez moi desgraciado. Por iso eu lle din unha ollada triste sempre, aínda que de cara os demais sempre está alegre e disponible, ao servicio dos demais. -¿Gustoulle o resultado? -Ignoro todo porque non miro as imaxes. Non vin ningún plano, vivo máis tranquilo así. Se ao director lle vale, a min tamén. -O seu non é un personaxe central... -Nestas dúas primeiras etapas sae en tres episodios. Eu coa televisión modérome moito, e entre Melgacho de Mareas vivas e este señor Memoria é suficiente. -Pero a serie viuna, ¿non? ¿que lle pareceu? -É unha serie feita con seriedade, bastante pensada e filmicamente moi ben contada. Ademais, o elenco é moi apropiado. -¿Que lle parece o ritmo que ten? ¿Non pode ser un pouco lento? -Non é unha serie para os impacientes das palomitas. A mín gústame que haxa tempo de pensar e calcular, situacións ambiguas que se resolven no capítulo seguinte. Esta serie é para espectadores que sexan capaces de seguir unha historia, aínda que non haxa tres tiros por minuto. Penso que foi un bo labor do director, que tivo o callo de impoñerlle o tempo que lle corresponde. Porque nesa época as cousas, sobre todo no rural, eran así. Aínda a min paréceme que ás veces a xente vai demasiado á présa polas rúas, antes ninguén apuraba, iso é algo moderno.