Xosé A. Perozo novela unha crónica sentimental do século XX

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

SANDRA ALONSO

O escritor estremeño-galego presenta a obra «Rosas para Gabriela» O autor pasou ó español porque o galego «foi unha militancia e agora é só un vehículo»

16 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé A. Perozo (Llerena, Estremadura, 1951) perdeu a conta dos títulos no haber da súa producción literaria. Calcula que son máis de trinta, unha media dun libro por ano desde que empezou a publicar, nos inicios dos setenta. Este estremeño afincado en Galicia desde os anos sesenta, e cunha traxectoria literaria en lingua galega, presenta esta tarde unha nova novela, Rosas para Gabriela , escrita directamente en castelán. Esta novidade explícaa Perozo en que sentiu a necesidade de recuperar a súa voz estremeña, «aínda que me sinto moi galego», aclara. Pero tamén «porque a lingua galega foi unha militancia e agora é só un vehículo». «Non renuncio ó galego, pero escribir en galego xa non é tan vital e necesario como hai uns anos», di. Rosas para Gabriela é unha crónica «sentimental e política do século XX». Xosé A. Perozo refire a través dunha saga familiar anónima, de labregos, os acontecementos que viviu España desde a República á democracia, feitos nos que esta xente non intervén, pero que afectan ás vidas, envoltos en situacións como a emigración masiva que se produciu en Estremadura nos anos setenta e as súas consecuencias, como o desarraigamente. A novela desenvólvese en capítulos que son contos independentes, pero encadeados na historia desta familia que arranca coa decisión de hipotecarse para salvar a avoa Gabriela e que remata con outra Gabriela, xa nas portas do século XXI. Perozo asegura que está no momento creativo no que ten moi claro o que quere dicir e contar. E subliña que algo que non mudou na súa traxectoria é que cando escribe non pode disociar literatura, política e xornalismo, faceta esta última na que se move profesionalmente e que transmite nesta crónica, vivida en boa parte en primeira persoa.