A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregará o premio a próxima semana Nas edicións anteriores os gañadores foron Rivas, Ferrín e Manuel María.
17 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?s máis de douscentos compoñentes da Asociación de Escritores en Lingua Galega emiten estes días os seus votos para escoller ó mellor libro publicado en Galicia durante o ano pasado. Oficialmente compiten catro obras para este premio anual, pero os autores poden votar por outro libro distinto. Os catro finalistas son Resistencia , de Rosa Aneiros; O libro dos aparecidos , de Xerardo Quintiá; Gameleiros , de Miro Villar; e Memoria para Xohana , de Marica Campo. A secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Yolanda Castaño, explicou que para chegar a estas catro obras constituíuse «un comité de críticos e lectores cualificados, entre sete e dez, que son os que escolleron os títulos favoritos e os mais votados son os que quedaron finalistas». Aínda que recoñece que sería unha sorpresa que saíse un distinto ós catro citados, os organizadores do galardón deixan opción a que os socios voten un libro que non figure entre os catro finalistas. Esta é a cuarta edición deste premio e nas anteriores os libros galardoados foron O lapis do carpinteiro , de Manuel Rivas, No ventre do silencio , de Xosé Luís Méndez Ferrín, e a Obra completa de Manuel María (un volume que tamén foi premiado pola Federación de Libreiros de Galicia). O premio anual da Asociación de Escritores en Lingua Galega consiste nunha pluma estilográfica gravada en ouro, que se entregará na cea das letras que terá lugar o próximo día 26 no restaurante Carretas de Compostela ás nove e media da noite.