O escritor asegura que «Caderno de Riparia» é unha parábola sobre a memoria que resiste, con algo da Galicia máxica e moito de política
22 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?osé Antonio Perozo escribiu Caderno de Riparia como escriben os periodistas, mentres a campaña electoral pasada avanzaba, así que había días que logo do seu traballo entre mitin e mitin metíalle unha ración de literatura por entregas. -¿Pódese adiantar algo do argumento? -Un escritor e a súa parella chegan a unha illa que se chama Riparia para resolver as súas diferencias. Na primeira noite que dormen na illa, ven un aforcado na casa que teñen alugada. Desencadéase unha loita cunha memoria que se resiste a desaparecer. Ata aquí podo contar. A novela desenvólvese en tres planos que se cruzan, pero a novela é unha parábola na que a memoria histórica faise presente. Tamén hai unha forte carga de esoterismo, moi vinculada cos temas máxicos de Galicia e logo ten tamén unha forte carga política porque eu son dos que din que a literatura é política, pero haina politicamente correcta e politicamente incorrecta. Logo a novela está contada no día a día no que vai ser publicada, durante os días do mes de agosto. -Como se fose iso que se di agora do tempo real. -Trata de ser unha novela en tempo real, porque son as anotacións que o protagonista vai tomando do que lle acontece durante esa estancia. -Tivo dificultades para adaptarse a un tamaño fixado a priori. -Tiven dificultades nos primeiros cinco capítulos, mentres me acostumaba. Logo era un xeito de disciplina de tal forma que me sentaba a escribir e cando acababa o capítulo había poucas variacións en canto á extensión. É máis difícil a planificación, telo todo medido. Nun dos capítulos equivoquieme, escribín de máis e para recompoñer todo o que viña despois houbo moito que retocar. Pero para min era un reto por riba do premio, poder escribir con esas condicións previas e principalmente, con esa necesidade de reter ó lector de un día para outro. -Hai que ter en conta que cada capítulo é tamén un principio e un fin. -Son varias cousas. Está a necesidade de que o lector teña interese dun día para outro, tamén hai que procurar que os capítulos teñan a súa autonomía e mesmo hai que escribir de forma que se alguén perdeu dous ou tres capítulos porque non puido ler eses días, poida retomar a historia sen perder demasiados datos. -Con respecto «Martázul», coa que gañou o Blanco Amor hai pouco máis dun ano, ¿cales son as diferencias de cociña? -Hai unhas moi grandes diferencias de personaxes. En Martázul , a protagonista podía explicarse longamente sobre todo o que quería. Era unha novela río e unha das cuestións que eu me propoñía era que a personaxe fose como quixese ser. De feito, creo que a personaxe foi a que decidiu. No caso de Caderno de Riparia , o asunto é o contrario, o protagonista ten que estar moi medido, cada cousa que escriba ten que ser a xusta, non pode faltar nin sobrar nada, porque nunha novela ampla hai frases que poden sobrar e mesmo algún capítulo, pero nun libro por entregas como este todo ten que estar no seu lugar. -É o que falan da precisión da linguaxe. -Iso dixo o xurado sobre o meu texto e esa era a miña pretensión, que non me faltase nada do que tivese que ser contado e que non me sobrase nada. -Que lle parece máis difícil, escribir a campo aberto ou someterse á extensión. -Eu son bastante disciplinado cando escribo, pero nunca renuncio ás cousas que van aparecendo. Mesmo me gusta, como no caso de Martázul, ir detrás dos personaxes. Pero este exercicio de escribir a tiro fixo paréceme moi interesante. Gustoume esta forma de traballar, de tal xeito que, se non me chegan a dar o premio xa tiña pensado outro argumento para participar o ano próximo. Tamén hai que contar con que a prensa foi sempre un soporte importante para os escritores, pero se tiña apartado da literatura. En moitos sentidos, a prensa permite chegar a moitas casas, ter un potencial moito máis amplo de lectores e iso tamén é interesante.