O libro reúne os textos publicados en agosto en La Voz de Galicia A presentación do volume coincide coa convocatoria da cuarta edición do certame
23 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A presentación do volume Relatos de verán 2002 reuniu do salón de actos de El Corte Inglés de Santiago a moitos dos autores destes textos, publicados en agosto do pasado ano nas páxinas de La Voz de Galicia. O libro, editado por Ir Indo, aparece cando xa está en marcha a convocatoria da cuarta edición desta exitosa experiencia iniciada polo xornal hai tres anos. Os autores coincidiron en amosar a súa satisfacción e unha certa, e lexítima, fachenda persoal por ver os seus relatos editados nun libro. Explícase polo feito de que os relatos publicados nas páxinas literarias de La Voz de Galicia foron seleccionados entre os máis de seiscentos enviados por lectores de tódalas idades. Superar esa primeira peneira implica un recoñecemento público que pode ter o valor engadido de ser un dos gañadores semanais que deciden os lectores do xornal cos seus votos. Á cita do bautizo editorial non faltaron os cinco gañadores do terceiro ano dos Relatos de Verán: Noelia Martínez Rey, de só 11 anos; Ángel Mato Martínez; María Jesús Martínez Martínez; Félix Cid Conde, e Mari Carme Espasandín, unha profesora de primaria de Zas que xa gañara na edición do 2001 e que pensa volver participar este ano «porque é como comunicar algo que se leva dentro, e se ademais é premiado, estupendo, porque significa que hai xente que comparte os mesmos sentimentos». O editor do libro ata esta edición, Bieito Ledo, e o redactor xefe de Accións Especiais de La Voz, Tucho Calvo, salientaron a ampla resposta social deste concurso, que confirma o valor da oportunidade que lle dá La Voz a novos valores literarios e a capacidade para fomentar a lectura. No acto tamén participou Xosé Manuel Blanco, xefe de relacións exteriores de El Corte Inglés, entidade que a través de Ámbito Cultural convoca xunto con la Voz de Galicia o Premio de Novela por Entregas en galego, que se fallará o próximo 11 de xuño. O prazo para enviar relatos ó certame deste ano é do 15 de xuño ó 15 de xullo. Os textos, en galego ou en castelán, seleccionados irán aparecendo a catro por día durante todo o mes de agosto. Tal como recollen as bases, os relatos non poden exceder os 2.100 caracteres, espacios incluídos.