La Voz presenta hoxe na Real Academia Galega o libro de homenaxe a Avilés

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

A obra reúne a poetas e artistas que foron amigos do escritor a quen se dedica o Día das Letras O volume lembra a vida e a producción poética do autor de «Cantos Caucanos».

14 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?oesía, ensaio, rememoración e pintura son a materia prima coa que La Voz de Galicia honra a figura do escritor Antón Avilés de Taramancos, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. Eses catro xéneros artísticos dan forma ó libro Avilés de Taramancos. Homenaxe , editado na colección Biblioteca Gallega , e que se entrega o sábado ós lectores do diario polo prezo simbólico dun euro, e que se presenta hoxe na Real Academia Galega. O acto, que se celebra ás 12.00 horas, abrirao o presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e nel intervirán o portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Beiras, en cualidade de prologuista da obra, e o director de La Voz, Bieito Rubido. A presentación pecharase cun recital de dous poemas de Avilés, na voz de Ana Romaní e Miguel Anxo Fernán-Vello. No limiar, Xosé Manuel Beiras escribe catro cartas, dúas a Xosé María Álvarez Cáccamo, e dúas a Avilés, aínda que Beiras é consciente de que o escritor homenaxeado mora nun lugar «no que non é usual que entreguen o correio». Nas catro misivas, Beiras, que se dirixe a Avilés cun «meu capitán» propio de Walt Whitman, evoca a personalidade e a obra do poeta, de quen foi amigo persoal. A última carta, tamén dirixida a Avilés, recolle a catástrofe do Prestige , que Beiras lle explica a un poeta que tanto falou do mar na súa obra. Dúas facetas Ana Romaní e Miguel Anxo Fernán-Vello, ámbolos dous tamén amigos do escritor homenaxeado, escriben no volume de La Voz sobre a faceta persoal e literaria de Avilés. Romaní titula o seu artigo As horas luminosas , porque toda a obra poética de Avilés tiña como obxectivo «a procura da luz». A escritora tamén lembra como influíu nas súas lecturas e compartiron a paixón por autores como Borges ou Dante. Pola súa banda, Fernán-Vello analiza a obra poética de Avilés, na que atopa os «latexos e os climas da natureza», así como «un dominio sensual e telúrico, a vibración do amor e do erotismo, a muller como interlocutora e compañeira material do gozo e da tenrura». A estes textos engádense os poemas que completan a homenaxe a Avilés, nos que un bo número de escritores galegos poñen en verso o seu sentimento polo autor de Taramancos. Algúns destes versos foron escritos en vida do homenaxeado, mentres que outros foron concibidos expresamente para este libro. Pero non só con palabras se lembra a Antón Avilés de Taramancos. En Homenaxe reprodúcense varios cadros e debuxos de artistas galegos que retrataron coa súa arte a admiración pola poesía de libros como Cantos Caucanos ou Última fuxida a Harar . Así, nun cento de páxinas conviven poesía, ensaio, memorias e pintura para lembrar a un autor alén da data do 17 de maio, homenaxeándoo ó longo de todo o ano.