Un álbum ilustrado recolle a ollada dos nenos galegos diante do «Prestige»
TELEVISIÓN
Kalandraka edita un volume que se distribuirá en varios países de Europa e América A maneira de ver o mundo que teñen os nenos non adoita ter moito que ver coa ollada dos adultos e por iso a editorial Kalandraka quixo facer un libro no que os escolares galegos amosaran cómo viron os máis pequenos a catástrofe do Prestige .
04 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O resultado é un volume que leva por titulo ¡Nunca máis! A ollada da infancia e que hoxe, luns, chegará ás librerías galegas. O sábado na Feira do Libro de Santiago xa se atopaba esta obra, pero a súa distribución irá máis alá de Galicia, xa que «chegará a tódalas cidades españolas e tamén ás de moitos países de Europa e América», indican fontes de Kalandraka. O quince por cento do que se recaude coas vendas irá destinado a dotar de novos fondos as bibliotecas escolares das zonas afectadas pola catástrofe do Prestige . Esta obra «pretende ser o voceiro dos máis cativos, unha forma de expresión a través da poesía e da plástica, diante da catástrofe ocasionada polo afondamento do Prestige », indicaron fontes da editorial con sede en Pontevedra; tamén explicaron que «a través de poemas, acrósticos, adiviñas, debuxos e collages os nenos van amosando neste libro as súas inquedanzas, os seus medos e as súas protestas, ata chegar a un final onde os cativos expresan os seus desexos para o futuro». Entre tres e doce anos Para confeccionar este álbum, Kalandraka dirixiuse, nos primeiros días de decembro do ano pasado, ós centros educativos galegos para pedir a súa colaboración na recollida dos traballos dos escolares de tres a doce anos para publicar nesta obra. O resultado é un libro no que as composicións dos nenos van facendo a súa particular crónica do acontecido desde o 13 de novembro do ano pasado ata as mobilizacións cidadáns pasando pola chegada dos voluntarios para traballar na limpeza das praias, empezando por algo tan clásico nos relatos de nenos como é o «Érase unha vez...». Na penúltima páxina do libro figura a relación dos colexios que colaboraron na súa elaboración de xeito colectivo, así como os nomes dos escolares que enviaron os seus traballos de xeito individual. Con esta iniciativa, a editorial Kalandraka desexa, como se le no libro, que «cando amaine a treboada, as verbas e colores dos nenos e nenas galegas sigan a ser unha denuncia, unha chamada ó sentido común, unha esixencia: nunca máis».