Os edificios públicos galegos empezan a usar a tipografía Gallaecia Castelo
TELEVISIÓN
En concellos como Soutomaior, Betanzos ou Chantada poden verse exemplos desta escrita No municipio pontevedrés as placas de tódalas rúas están feitas con letra Castelo
24 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O próximo domingo, La Voz de Galicia fará a primeira entrega da colección Galicia o pé da letra , unha iniciativa que fará posible que tódolos galegos dispoñan no seu ordenador dunha tipografía galega propia. Este xeito de escribir conservouse durante séculos en lápidas e gravados pero tamén nos últimos anos hai edificios públicos e privados que teñen unha tipografía moi semellante a Gallaecia Castelo que entregará La Voz. Así, os concellos de Soutomaior, na provincia de Pontevedra, Betanzos ou o de Chantada teñen nas súas fachadas letreiros con esta tipografía. No fondo, como explica Carlos Núñez, membro da Asociación Española de Caligrafía e director do estudio Variografik de Vigo no que se fixo o deseño e estudio da Gallaecia Castelo, é unha maneira de expresar os sentimentos destes pobos xa que «a letra sempre exteriorizou a esencia mesma do sistema económico e cultural da sociedade que a creo; é como a tarxeta de visita que reflicte desde a obediencia pechada e monacal ata a brillantez e disciplina romana pasando pola práctica e burguesa do século XVII». Insiste Carlos Núñez en que os cambios estructurais no mundo sempre foron acompañados dun cambio na escritura e lembra que Platón dicía que «a caligrafía é a xeometría da alma que se reflicte psiquicamente». Eses cambios déronse en lugares como o concello de Chantada, onde na fachada aparecía un escudo preconstitucional (que foi retirado hai tres anos e cambiado polo oficial) e debaixo o lema Casa do Concello escrito con tipografía galega. Propia de Galicia As autoridades de Soutomaior non só empregaron a letra Gallaecia Castedo na Casa do Concello e noutros edificios oficiais como o Centro de Saúde senón que as placas cos nomes de tódalas rúas da vila están escritas con esta tipografía considerada propia de Galicia. Tamén en Betanzos, sobre todo nas rúas da súa parte vella, poden verse letreiros de edicios oficiais, como o do Concello, que teñen unha letra moi parecida á letra que vai entregar La Voz de Galicia a partir do próximo domingo, ó igual que os sinais das rúas. Os casos destes tres pobos son só algúns exemplos dos que hai por Galicia e que, sen dúbida, a partir de agora serán moito máis habituais.