Os veciños poderán asinar actas de derradeiras vontades gratuitamente

La Voz

TELEVISIÓN

CAPOTILLO

A derradeira medida da campaña municipal consiste nun acto público, o vindeiro 30 de outubro, onde se proxectará un documental sobre a cultura da morte en Galicia para proceder, posteriormente, á sinatura dunha acta notarial de derradeiras vontades, expresando o desexo de que se empregue o galego en tódolos actos que rodean á morte. O Concello sufragará os gastos notariais correspondentes. Na acta sinálase que, no caso de que sexa absolutamente imposible cumprir a vontade do difunto, os actos funerios deberanse celebrar en silencio. A sinatura colectiva terá lugar no multiusos de A Xunqueira, na vila de Redondela. Concellos galegos Xaime Rei, rexedor de Redondela, remitirá, á totalidade dos alcaldes galegos, unha circular animándoos a por en marcha medidas similares nos seus respectivos municipios. O Concello de Redondela é pioneiro na aplicacións de medidas dedicadas á normalización do uso do galego en tódolos eidos da vida pública e privada. Dende 1982, Redondela ten promovido o emprego do galego, a través de diferentes campañas, no ámbito da empresa, o dereito ou mesmo as relacións laborais. Xosé Antón Pombo, subdirector xeral de Política Lingüística, manifestou o apoio da Xunta á iniciativa redondelán, e recoñeceu que, aínda que o galego é a lingua maioritaria en Galicia, a lectura das lápidas ou das necrolóxicas podería dar a impresión de que é o castelán a lingua máis usada.