Lueiro Rey non é un escritor moi coñecido. Non sei se por esa dispersión á que se viron obrigados aqueles que entenderon que era necesitario recuperar un país antes que reivindicarse a si mesmos, ou porque as cousas dous últimos anos da literatura galega non dan para ir recuperando os folgos e os escritores do pasado. Lueiro Rey era, ó meu ver, un escritor fino e un observador atentísimo. Un escritor moderno ou contemporáneo no sentido de que as súas preocupacións eran as que correspondían co seu tempo. O libro que nos ocupa é unha confirmación ó respeito. Lueiro Rey é do Grove, que case todo o mundo sabe que é unha península unida ó mundo por un istmo explotado e precioso. Igual podería dicir aquí sen medo á polémica que a condición peninsular do Grove poido influir na escrita preocupada de Lueiro ou, quizais mellor, podería escribir agora que esa condición peninsular influíu decisivamente no xeito de mirar do escritor. E claro, teño que engadir que o xeito de mirar dun escritor é a todas luces máis importante que o de escribir. Somos o que vemos. Lueiro puxo os ollos na reivindicación dun país que estaba perdido (ou case). E foi fixando a vista nesas condicións que tanto marcaron e marcan un espacio e un tempo que coinciden coa Galicia da primeira parte do século XX. Os relatos deste libro amosan un Lueiro observador, consciente do seu papel de fabulador e de notario (se me perdoan o simil) dunha realidade que necesitaba unha explicación porque é ben dura de entender a represión e a violencia. Deberiamos telo en conta agora, cando todo semella máis fácil ou cando anda a xente en liortas por asuntos de illotes con cabras. Manuel Lueiro merece un destino diferente ó da ignorancia porque, entre outras cousas, a súa obra quixo ser testemuñal. É de pouca educación desatender as intencións de quen nos precede traballando para que nós saibamos. Esta pode ser unha ocasión na que, por fin, pagamos unha débeda. Este sol ten os seus recursos literarios. Recuersos de escritor con podería, de escritor con capacidade. Pero seguramente, a Lueiro lle gustaría moito máis que se lle recordase o libro polas cousas que describía, polas historias que contaba que pola forma en que o autor as contou. ALBERTO BOUZA é filólogo