OS VERSOS DE JILL BALCON

La Voz

TELEVISIÓN

14 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 1949, catro anos despóis de rematada a segunda guerra mundial, e desfeitas as esperanzas de poder regresar a Galicia, o exiliado Luis Seoane, que lograra fuxir da Coruña en setembro de 1936 da represión falanxista, comeza o seu primeiro periplo de oito meses en Europa, viaxando a Londres e París, onde representaría ós artistas plásticos arxentinos no I Congreso Internacional da Paz. Unha experiencia formidable que o levará a coñecer a Picasso, a Jaume Sabartés, a Oscar Domínguez, a Henry Moore, a Herbert Read, a Lucien Freud¿ Cando o vapor Highland Princess pasa por diante das costas de Galicia, o exiliado non deixa de sentir unha profunda rabia e tristeza por non poder pisar a terra dos seus soños, agora convertida en cárcere, aínda estando a un salto de can. En setembro dese ano, despóis duns meses en París, Seoane trasládase a Londres, onde realiza unha exposición da súa obra na galería Twenty Brook Street que se inaugura cun recital de poemas de García Lorca ofrecido pola actriz de teatro Jill Balcon, nai do hoxe famoso actor de cine Daniel Day-Lewis, coa que Seoane entabla unha amistade onde non é alleo o drama da guerra civil que ambolos dous recordan. Lembranzas As emocións desta viaxe: as lembranzas das costas de Fisterra olladas desde o combés do trasatlántico e o recital de Jill Balcon, que se convirte nun acto solidario coa causa republicana e os vencidos e exiliados, non paran de petarlle no miolo e obrigan a Seoane, de volta en Buenos Aires, a escribir Faldel de exiliado, o seu primeiro poemario: un laio arrepiante que percorre as nosas conciencias e que non damos sacado de dentro da nosa memoria, aínda hoxe chea de rabia. XOSÉ DÍAZ, deseñador