«Amor de tango», de Queizán, hoxe con La Voz

AMANDA ÁLVAREZ GONZÁLEZ

TELEVISIÓN

18 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Amor de tango, que hoxe entrega La Voz, é un novo agasallo de Maria Xosé Queizán para toda as lectoras e lectores e especialmente para toda as viguesas que tanto amamos esta cidade cun «mar que abre fronteiras». O Vigo de Amor de tango é o Vigo que vivimos e o que outras antes ca nos viviron e construíron, coas súas historias, coa súa liberdade, esa cidade en permanente movemento ao igual que o momento histórico que lles tocou vivir ás protagonistas desta novela. Ler ás veces é como un reencontro. Ao igual que Margot de novo paseei polo Berbés e por Bouzas, por Coia ou o Areal. Dei unha volta no tranvía antes de entrar no cine Tamberlick e aínda podo escoitar os vellos tangos que como un eco acompañan a lectura. Vigo é unha cidade dinámica e difícil de soportar, ás veces, pero tamen é a cidade da independencia -como diría Maria Xosé «para quedar con alguén hai que chamalo por teléfono senón podes estar anos sen coindidir»-. Esa independencia que reivindicaban Chelo, Alma e Margot e tantas mulleres desa xeración antes de que a guerra truncase os seus desexos. E qué mellor banda sonora para esta historia que un tango quizais de Discépolo como lle acontece a Margot, esa muller que matina, vive e namora con esas historias descarnadas de amor e ciúmes do tango que tanto se asemella ao fado ou as rancheras en intensidade de sentimentos. Tal vez María Xosé Queizán podería repasar alguns títulos de memoria como cando naquel pub de García Barbón o arxentino que cantaba El dia que me quieras tivo que ceder micrófono e escenario a unhas entusiasmadas e espontáneas cantantes de arrabalde que non esquecían nin unha soa estrofa dun amplo repertorio. Quizais antes falaramos de feminismo, de literatura ou de cine nas tascas das praias de Canido ou Chapela saboreando un viño do Condado ou un bó albariño. Eran momentos que estariamos dispostas a compartir coa avoa cubana de Chelo, mulata, gorda e vital e nos falaría dos seus paseos por Castrelos porque devecía polos bosques e deleitábase admirando as árbores milenarias. En Amor de tango está Maria Xosé Queizán, o seu amor por unha cidade que a ten atrapada igual que a Margot. E na novela están tamen esas claves que as mulleres feministas temos moi presentes porque, como alguén dixo, somos o que lemos e eu engadiría que tamén o coñecemento desas persoas que ao longo da nosa vida nos deixan unha profunda pegada. AMANDA ÁLVAREZ é xornalista.