SETE VOLTAS

La Voz

TELEVISIÓN

21 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A forma, o valor e o sentido de Arredor de sí , como unha chef-d'ouvre do corpus literario oteriano remanece da coimplicación nela dos sete postulados seguintes, que coidamos claves esenciais para acometer con rigor a lectura desta e outras obras ficcionais do señor de Trasalba: 1) é epifanía da fé cristiá do autor; 2) está vivencialmente iluminada polo sentimento metafísico do autor conforme á inserción da trascendencia na inmanencia a través dunha Filosofía do Camiño providencialista; 3) adscríbese a unha meta-antropoloxía dramática que refuga de toda concepción da Historia baseada nos principios do materialismo dialéctico, do positivismo analítico e do sistematismo científico; 4) arríza na paixón vital da «saudade do máis alá», ligada a unha metafísica realista, panenteísta, de raíz celtoatlántica; 5) está pragmaticamente comprometido coa cosmovisión da Igrexa católica como Terra de promisión e dos galegos como nación elixida polo sartego xacobeo; 6) está histórica e politicamente encarnado na ortopraxe de pathos e ethos cristiá que se incultura no Galeguismo como obxectivación das determinantes que existen no ser de Galicia, ideario que é á vez ariete anticentralista con que loita a prol da afirmación de Galicia como país negado e marxinado polo Estado español; 7) vincúlase a un idiosistema tradicional de organización da vida (nucleado na familia e na parroquia) que se rexe polo modelo de desenvolvemento das formas productivas propias do ciclo de esplendor do precapitalismo. Estes presupostos atópanse incardinados en dous feitos: dun lado, na súa personalísima forma de expresión e doutro, na temática cultural e simbólica da matanoia oredor do que debemos entender por Galicia oteriano: Fideocentrismo, etnocentrismo e logocentrismo, as tres asimiladas e superadas na hermeneuxe relixiosa. CAMILO F. VALDEHORRAS, profesor de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona