O MECO

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, etnógrafo

TELEVISIÓN

15 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Frei Martiño sabía da súa existencia dende neno, porque unha das «historias» máis populares da procesión do Corpo de Deus de Pontevedra era precisamente a da vella do Grove que matara ó Meco, que ía facendo o fedello, / e dando pernadas, como di nunha das súas coplas. É o único documento de que se dispón verbo desta representación do Corpus pontevedrés, semellante á do Xan da Arzúa das de Ourense, Ribadavia e Allariz. De xeito tan sinxelo e nunha das celebracións litúrxicas de máis solemnidade do ano, representábase a derrota da lascivia e incontinencia sexual, atendendo á etimoloxía da palabra Meco (moechus-i: adúltero, disoluto, fornicador...), intervindo só dous personaxes, contradictorios para o que escenificaban: un crego e unha vella. ¿Por qué no Grove? Polo afastado que se consideraba daquela. Na viaxe que fixo a Galicia en 1745 aproveitou para visita-lo lugar, non se conformando co que lle contaron, senón que quixo subir ata onde se dicía que morrera, «y mandé cortar unas ramas de dicha higuera para llevar a Madrid». O Meco non podía rematar doutro xeito: aforcado polas ofendidas, que á pregunta do xuíz responderon a unha mulleres e homes: ¡Matámolo todos! A Sarmiento o que lle importaba ¿e magoaba¿ era a burla que supoñía para os galegos emigrantes, que lles preguntasen se perdoaban ó Meco: se afirmaban recoñecían que os devanceiros foran uns cornudos; e senón, que as devanceiras eran unhas liviás. Non existía unha saída honrosa para tal cuestión, que xa viña de antigo, ó menos dende 1645 en que a recolle o pícaro Estebanillo González; nin tampouco había de desaparecer cos escritos do bieito, pois aínda refire Murguía que era corrente en Madrid no século XIX. Agora o Meco é un boneco do Entroido, pero con «iso» ¿xa me entenden¿ ben marcado, expoñente do seu turbulento pasado.