XESÚS SANTOS, foi amigo persoal de Rafael Dieste
07 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Teño nas mans un libro de grata memoria: Dos arquivos do trasno . Especial para min por dúas razóns. Primeira, é a edición que fixo en 1962, recén chegado do exilio. A outra, o sentimento da dedicatoria: «A Carmen e Xesús no millor día que podía escoller iste pequeno libro ¿que quixera ser frol¿ pra ir caer nas suas mans. Cos mais ledos agoiros dista outra Carmen e de Rafael Dieste. Rianxo. 3.VIII.1963». Van alá case 40 anos desde aquel día (o do casamento) e quixera devolverlle aquela frol devotamente acrecentada para que foxe caer coma unha ladaíña sobre as súas campas... A finais dos anos cincuenta os mozos estabamos inmersos nun mar de tebras. Nin percibiamos os destelos de Castelao nin o faro manuelantoniano nin o facho diesteano. En 1960 envieille a Dieste unha misiva a Bos Aires dándolle conta das intencións de repoñer A fiestra valdeira na miña parroquia; pero a carta non chegou ó seu destino. De todos modos enterouse da montaxe e comentou: «Polo visto escenificou A fiestra valdeira o grupo Airiños, de Asados, e disque que para seren labradores non o fixeron nada mal». Xa en 1961, comentamos as peripecias da escenografía. Veu as fotos e os decorados e, aínda mostrándose feliz e xeneroso, quedei máis convencido da miña ousadía, porque tiña diante un home que vivía profundamente a arte dramática. Era teatro vivinte. Unha fatídica noite de 1981 sofría o mortal accidente, xusto onde «alumbrando la escalera había un quinqué color guinda (...) y levemente modelado como un pequeño mar en que estuviera meciéndose el crepúsculo. Aquel rellano fue siempre lugar en que se dieron cita a la vez franqueza y dilatado misterio...») Na derradeira inconsciencia solicita de Carme as gafas «porque veo todo borroso». (El, que era a clarividencia suma). Foi soio un instante. Nun intre inundouse a estancia de luminosos trasnos; e, desde aquela, a figura de Pampín coa camiña milagreira, aparece no zaguán sempre que abrimos un libro de Rafael.