A obra de Raúl Dans completa a triloxía coa que o xornal celebrou a semana do teatro O Día Mundial do Teatro pechou onte unha semana de celebracións arredor das artes escénicas a que se sumou La Voz de Galicia coa entrega dunha triloxía de obras dramáticas en galego. O último destes tres libros, o que leva por título «Lugar», de Raúl Dans, entrégase hoxe ós lectores polo prezo de só un euro, máis o custo do xornal e o cupón do periódico.
28 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Raúl Dans (A Coruña, 1964) acadou o premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais con Lugar , unha obra na que conta a historia dun encoro que asolaga o territorio chamado Lugar. O crítico Ramón Nicolás explica que este é un texto que amosa «tanto o propósito do autor por inserirse na tradición dramatúrxica autóctona con voz propia o seu hábil manexo dos recursos dramáticos na liña dos mellores dramaturgos dos anos noventa». Aínda que na Biblioteca Galega 120 quedan outros títulos teatrais, durnte esta semana, La Voz de Galicia quixo sumarse ás celebracións do Día Mundial do Teatro facendo entrega de tres obras dramáticas de primeira liña como son Veladas indecentes, de Manuel Lourenzo, e Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, ademais do de Raúl Dans. Bufanda a Valle-Inclán Onte, Día Mundial do Teatro, foron numerosos os pronunciamentos e actividades sobre o feito teatral, desde a xa tradicional colocación da bufanda a Valle-Inclán en Madrid ata o comunicado dos actores cataláns no que se pronuncian en contra do teatro soamente comercial e defenden «un teatro que se pregunte pola vida». Tamén se fixeron públicos os datos sobre afluencia a salas, máis de dez millóns de espectadores en toda España.