Numerosas publicacións teatrais

La Voz

TELEVISIÓN

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro son numerosas ás publicacións que se están presentando. Así, onte tivo lugar en Madrid a da obra inédita de Adolfo Marsillach Extraño anuncio , un texto escrito polo dramaturgo no ano 1992 e que edita agora a Sociedade Xeal de Autores e Editores. Nesta obra, Marsillach pregunta ós lectores se realmente están vivos, desde unha ironía moi propia do autor recentemente falecido. A directora teatral Mercedes Lezcano explicou que a trama da obra está atravesada dun finísimo humor. O historia é a dun home que ve como se publica o anuncio do aluguer da súa casa e ata que queren cobrarlle o propio funeral: por iso Marsillach acaba preguntando se os seres humanos están vivos ou mortos. O propio Marsillach dixera que este era «un texto extraño cuyo resultado puede depender de cómo se represente». Polo de agora, non se vai representar. En canto a Galicia, tamén hai un bo número de publicacións. Miguel Sande (Pastoiza-Arteixo, 1961) é o autor de 39 veces chao , unha obra que foi finalista do premio de teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña, entidade que publica o libro. Este autor xa recibiu o Rafael Dieste no ano 1998 con Ninguén chorou por nós. Nesta ocasión, a obra de Sande é un monólogo dunha muller a través dun teléfono mobil. Sete chamadas marcan o ritmo narrativo da historia que se rompe coma o amor que, nesta ocasión se manifesta imposible. Tamén as publicacións temporais como a revista Casahamlet, que dirixe F rancisco Pillado Maior e edita a Deputación da Coruña, vén de publicar o seu número catro que corresponde o mes de maio de 2002 e que está adicada ós dramaturgos. Con máis de cen páxinas, a metade deste número recolle textos de nova creación e o resto son estudios sobre unha ducia de recoñecidos autores galegos. Ademais, onte, no Consello da Cultura presentouse o Anuario Galego de Estudios Teatrais . En canto as publicacións que contan con apoio da Consellería de Cultura serán presentadas hoxe en Santiago polo titular do departamento Pérez Varela. Entre os títulos están Nun pregue de veludo (Fagamos comedia), de Alexandre Ballester, O espaço Literario do Teatro (Estudos sobre literatura dramática portuguesa , de José Oliveira, Teatro, cerimonia e xogo. A traxectoria teatral, literaria e cinematográfica de Euloxio Ruibal, de Anxo Abuín, Mantis (A misión), de Raúl Dans , Entrecontos, de Chus Álvarez, Covadonga Berdiñas, Ana Carril e Victoria Teijeiro e O teatro de Xan da Cova (La Galiciana e María Pita) , de Goretti Sanmartín.