CAMILO FRANCO TEATRO
19 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A hipocresía converte en grandes dramas algunhas obsesións inocentes. É certo que o sistema occidental está baseado nesa fórmula de que as penas propias son máis importantes que as desgracias alleas. Por aí transcorre Animaliños, a comedia máis recente de Roberto Vidal Bolaño, furgando co dedo nesas pequenas insensateces que acaban por pasar por cousas normais. A terceira parte da triloxía é unha obra cunhas estupendas malas intencións, montada como se esa realidade ironizada fose igual de fondo e poliédrica de superficie. É unha peza entre lúcida e desencantada, que se aproxima máis a Criaturas que a Anxeliños, quizais mesmo resulte máis realista que ámbalas dúas. O tratamento por escenas dalle lixeireza á montaxe, pero tamén acaba por denunciar os cadros menos afortunados, por resultar irregular. Levan certa vantaxe os fragmentos que se achegan máis ó satírico, quizais porque unha dose de crueldade co parodiado correspóndese coa realidade, ademais de ser moitísimo máis divertida.