Puidera ser Comala, porque tamén hai interese pola historia da vila, porque se xoga coa realidade e coa ficción, e porque Pedro Páramo e Cali teñen un amor de nenos que se chama Susana. Ou puidera ser Miranda, ou aínda Merlín ¿que é topónimo en Agolada e Viveiro¿, por haber esoterismo e horóscopos e adiviñacións. Pero é Embívicus, unha vila cun gran embigo na sea praza que Xosé Antonio Perozo compara cunha representación teatral na que cadaquén desempeña o seu papel con lixeiras variantes. Cando foi escrita esta obra, hai dez anos, estábanse poñendo os piares da literatura xuvenil galega, con moita traducción aínda e moito contido catequista. E Xosé Antonio Perozo arríscase creando un heroe transgresor, ó máis puro estilo de Mark Twain, que se mete en liortas a pedradas e fai concursos de mexadas, que fala moi coloquial e leva a aventura ata o prohibido. O autor sométeo, ademais, á presión dun adulto, dándolle todo e logo quitándolle todo, incluso mostrándolle o que é a traizón, obrigándoo a ser un líder con personalidade en tódalas circunstancias. O enigma de Embívicus é unha fórmula que ensambla con mestría doses de costumismo, de lirismo, de antropoloxía profunda galega con lendas que están vivas e de humor con personaxes que nos anticipan a risa antes de que cheguen a falar. Os seus mellores momentos literarios corresponden a cando Cali se adentra na cova do embigo, inspirados seguramente por Jules Verne, de quen tamén recolle a tensión imprescindible que anima e entretén a lectura ata o final. Sendo un libro para nenos, Xosé Antonio Perozo tece os temas que lle gustan e mellor coñece, que van se-los que marquen con éxito a sea evolución literaria. Todo un xesto para os máis novos.