MANUEL AYÁN, membro da aula Castelao de filosofía
03 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Ramón Piñeiro non foi unha mónada fechada sen portas nin fiestras. Todo o contrario, foise construíndo a si mesmo coas portas espalancadas e as fiestras abertas de par en par nun lugar e nun tempo ben determinados. De ben novo enraizou no galeguismo frondoso da mesma sementeira de Otero Pedraio, Castelao, Bóveda, Pícallo, Paz Andrade. Botou a raíz da nogueira, que se funde no corazón da terra e nin sequera, de morta á árbore se deixa arrincar. A crise do golpe de estado sacudiu o medio social no que principiaba a escarolar. Tivo que adaptarse a esa crise fonda e longa. As alternativas eran dramáticas: adaptarse, emigrar ou perecer. Clandestinidade A noite de pedra foise alongando e el madurou reorganizando o galeguismo para cando aclarease a alba, que relucía nun horizonte que aparecía moi afastado. Foi así como, primeiro na clandestinidade mesta, despois na clandestinidade presta, máis tarde na clandestinidade transparente e sempre na sombra, foi creando, nunha praxe de apostolado socrático, a súa peculiar forma de influír na educación da xuventude, o piñeirismo. Neste sentido, Piñeiro, enraíza na vella tradición dos mestres de estilo dialóxico e maiéutico. Malia a súa relativamente escasa presencia literaria, exerceu unha magna influencia cultural e política, por estar situado nun tempo de crise e nunha encrucillada da historia. Ramón Piñeiro era un culturalista. Pensaba que a cultura era o elemento que constituía os alicerces a estructura da sociedade; que o nivel de desenvolvemento político e económico dependían da fortaleza da cultura que o sustentase. E como a cultura propia de Galicia é o galeguismo, de aí que o obxectivo do seu maxisterio fose galeguizar á xuventude, galeguizar á sociedade e galeguizar aos partidos políticos. E hai dúas formas de galeguismo: o espontáneo e o consciente. «Se a primeira se converte na segunda, Galicia poderá acadar o nivel histórico do noso tempo». Cultura peculiar «Temos, xa que logo, que se Galicia é un pobo, ... é porque a comunidade social galega constitúe unha verdadeira unidade espiritual, ou sexa, a existencia de Galicia como pobo maniféstase na existencia de Galicia como cultura peculiar». Mais se a cultura é forma de manifestarse do pobo, a «lingua ven ser a alma viva do pobo que a fala». Piñeiro fai súa a frase de Murguía: «o idioma é a verdadeira bandeira nacional». Por iso dicir de Ramón Piñeiro con Bouza Brey: «É por unha cultura que se loita,/ Por unha lingua en flor que se combate,/ Por ter o espírito ceibe é a nosa coita,/ Que ha de ter o seu remate».