PINTOR DE PALABRAS

La Voz

TELEVISIÓN

CARLOS MÉIXOME, director do Instituto de Estudios Miñoranos

26 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Xornalista e etnógrafo, pero tamén poeta e narrador. Quizais a dimensión das dúas primeiras facetas da obra de Eliseo Alonso faga esquecer ás dúas últimas. Mais é o autor goianés un creador de mundos poéticos e narrativos a ter en consideración. As vizosas terras do Baixo Miño, o resoar do río manso, o mar como camiño. Labregos, pescadores e emigrantes. Paisaxe humanizada que configura o mundo literario de Eliseo Alonso expresado poeticamente en Contos da cotoiva (1950) e en Seara de Romances (1952) ou nos relatos breves de Contos do Miño (1955) e a novela A rúa do noxo (1977). Emparentado con Castelao Eliseo Alonso forma parte da que Méndez Ferrín denominou Promoción de Enlace, aqueles autores que serviron de ponte entre os escritores das xeracións anteriores á Guerra Civil e os novos narradores da década dos sesenta. Comezou a publicar nos primeiros anos cincuenta e os Contos do Miño forman parte, xunto a Xente da Barreira (1951) de Carballo Calero, Á lus do Candil (1953) de Fole e Merlín e familia (1955) de Cunqueiro, dos primeiros libros en prosa da posguerra. Quen pense atopar nos dezaseis relatos de Eliseo Alonso costumismo ao xeito das estampas folclóricas baterá con outra realidade ben diferente. Blanco Amor, no prólogo da primeira edición, emparenta os Contos do Miño co realismo lírico, coa tenrura cruel, coa obxectivación poética e o humorismo popular do Castelao de Cousas ou retrincos. O feixe de relatos curtos publicouse en Bos Aires en 1955, sería impensable e imposible a súa edición na Galiza do momento. Realismo, compromiso dos desherdados, lirismo, humor, crueldade e sentimento popular están presentes na súa obra. O autor que puxo en palabras as súas paisaxes humanas do mesmo xeito que o fixeron cos pinceis Antonio Fernández ou Xabier Pousa.