Marta González Louzao, de Palas de Rei, leva case cinco anos de lectora de galego na Universidade de Murcia. Está, por tanto, a punto de remata-lo contrato que a une coa Xunta. Neste tempo, estreou praza e deulle clase a douscentos estudiantes. «Cos plans vellos había máis, pero agora o galego ten que competir co inglés ou co alemán», sinala Marta, encantada coa experiencia. O interese polo galego no País Vasco ou Cataluña é coñecido pero, ¿en Murcia? «Pois si, moito. Inflúen moitos factores. Non hai que esquencer a Cartaxena, con moita relación marítima. Ou xente que fixo o camiño de Santiago, ou que ten a parella aló, porque o amor move montañas». Aprobado alto Tanto debe mover, que agora hai moitos murcianos que falan e escriben galego cun nivel de aprobado moi alto. Na Universidade de Deusto, en Bilbao, Mari Luz Suárez Castiñeiras dirixe a cátedra de Estudios Galegos desde hai pouco máis de dez anos. Con ela traballa, desde o ano 1998, a lectora Isabel Seoane. Ademais de cursos concretos, mantén asignaturas de lingua e cultura galega na que agora están matriculados algo máis de sesenta mozos. De orixe galego, sinala que «hay muchos vascos que se interesan por la lengua gallega, no sólo descendientes de emigrantes o desplazados». Recentemente editaron un libro sobre o seu labor. E na Universidade de Salamanca, dentro duns días organizarase un congreso de linguas minoritarias nas que se falará da Unesco, do galego e, por suposto, do amor a Galicia.