FRESCA NATURALIDADE

La Voz

TELEVISIÓN

MARÍA TERESA BERMÚDEZ, profesora na Autónoma de Barcelona

19 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai xa 30 anos unha muller, Xohana Torres, ata entón só coñecida como poeta (No sulco, 1955), sorprendía a todos asinando unha novela orixinal, Adiós María, coa que tivera a ousadía de gañar o Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires, pasando por riba de Xente ao lonxe, de Blanco Amor. A polémica, e o mal perder, salpicaron inxustamente a recepción desta novela. Adiós María é unha obra excepcional en moitos sentidos, empezando pola súa calidade literaria e seguindo coa extraordinaria recreación da lingua oral que leva a cabo. É excepcional tamén porque se resiste a encaixar en clasificacións pois, baixo unha estudiada apariencia de simplicidade e espontaneidade, agáchase en unha obra complexa e poliédrica. Pódese estudiar como novela social ou encadrala na narrativa que trata o tema da emigración, coa novidade de facelo desde a óptica dos que quedan ou, máis ben, das que quedan, actualizando un século despois aquelas «viúvas dos vivos» de Rosalía. Ao mesmo tempo, pola súa técnica radicalmente innovadora, participa do movemento de vangarda da época, a nova narrativa galega, pero é no ámbito da literatura de muller onde cobra sentido Adiós María, que foi a primeira de autoconcienciación feminina da nosa literatura. Capacidade de engaiolar A novela engancha na lectura, ao facernos cómplices das confidencias dunha adolescente (María) que, debullando no seu monólogo, vainos deitando ao oído as súas vivencias, sentimentos e reflexións sobre si mesma e a realidade que a envolve. É a dura realidade dos últimos anos do franquismo, do desemprego e das mobilizacións sociais, dunha emigración que desangra Galicia, da discriminación contra o sexo feminino, do tránsito do rural ao urbano e, en fin, de cambios e adeuses. Hoxe, tres décadas despois da súa publicación, a novela conserva intacta a forza comunicativa, a capacidade de engaiolar, a fondura e a lucidez da súa análise, deseñada con trazos limpos e firmes.