Francisco Fernández del Riego, escritor No seu libro «Galicia», Francisco Fernández del Riego fai un percorrido sentimental e impresionista polo país. O ex-presidente da Real Academia Galega, tras deixar o seu cargo, continúa a súa labor na Fundación Penzol de Vigo. Síntese tranquilo porque ten menos preocupacións e máis tempo para adicarse «as miñas cousas», aínda que confesa que vive momentos baixos de saúde. Unha das grandes preocupacións que lle atinxen é ter tempo para rematar as súas «Memorias verdadeiras».
29 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado sete de xaneiro, Francisco Fernández del Riego cumpriu 89 anos. «Vou para nonaxenario, si chego», di con certo pesimismo. -¿Bota de menos a Academia Galega? -En realidade fun á presidencia da Academia porque mo pediron. Fun por disciplina, por servicio, como fun a tantas cousas relacionadas ca cultura galega, pero sen desexar nunca exercer. Cumprida a misión, considerei que as cousas estaban encarreiradas e non era necesario continuar. Tiven certa nostalxia dos colaboradores e do ambiente, pero en realidade estou satisfeito. Teño menos preocupacións e máis tempo para ocuparme das miñas cousas, da Penzol, de escribir, e sobre todo ler, que é o meu gran vicio. Pero esto coincidiu cunha caída da miña muller e cunha lumbalxia miña, de maneira que estamos nun momento algo baixo. O motor segue ben, pero o que anda deteriorado é o chásis. A quinta lumbar faime ver as estrelas. -¿Como resumiría o obxecto da súa obra, «Galicia»? -Quixen dar unha visión de Galicia, da paisaxe, cidades, monumentos, características diferenciadoras, e o concebín en doce xornadas. Os protagonistas son dous profesores bretóns que desexan coñecer o país. Ramón Sanfiz, que en realidade son eu, é o que lles vai acompañando nun automóbil, parando en cada sitio representativo. -¿Trátase dunha viaxe real? -En parte real e en parte imaxinada. Non houbo tempo de completala e entón fíxeno na memoria. Eles tamén existían de verdade. Tiveron que marcharse e este comenzo da viaxe deume pé para concluír a totalidade da visión de Galicia nun percorrido histórico e literario. Non é unha guía, é unha narración impresionista, sin descuidar as referencias. -¿Agora que ten tempo, que escribe? -Teño un compromiso con Caixanova, que comezou co libro Vigo sentimental e seguirá con Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo. Non sei o tempo que vivirei, pero tamén quería facer as miñas memorias verdadeiras e o tempo bótase enrriba. Son máis de 70 anos que recordar. -¿Comezounas xa? -Non. Teño o material acumulado, pero as horas non me chegan para nada. De todas formas, creo que co que deixo feito cumplín co meu deber e teño a conciencia tranquila. Nunca perseguín a ostentación, nin figurar, nin o poder. E por iso a miña dotación económica é muy limitada. Para ser coherente, donei á cidade de Vigo a miña biblioteca de máis de 30.000 volumes e unha pinacoteca con cadros das principais figuras artísticas da miña época. O único que pedín era que levase o meu nome, que era o menos que podía facer. A miña vida foi sempre de entrega, sen pedir compensacións.