Propostas e polémicas polo Día das Letras

La Voz

TELEVISIÓN

22 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A través de lavozdegalicia.com Xosé Ramón Barreiro non só recibiu preguntas, senón tamén saúdos de ex-alumnos e algunhas propostas. Unha foi a de que a Academia institucionalice o costume de agasallar ós nenos que falen galego cun libro o Día das Letras. «Tomo nota e poñereime en contacto coas editoriais galegas» foi a resposta dun Barreiro que quixo ir máis alá: «Será cuestión de convencer ós pais para que non só o Día das Letras, senón tamén nas tradicionais festas nas que se agasalla ós rapaces se lles regale libros galegos». A casa de Sarmiento Ó presidente da RAG tamén lle chegou unha cuestión polémica, a de a proposta de celebración do Día das Letras en Villafranca del Bierzo, onde naceu o homenaxeado deste ano, Frei Sarmiento. Barreiro aclarou que rexeitar este ofrecemento non era desprezo algún, senón que se agradecía a iniciativa do Concello de Villafranca. «O Día das Letras ten como intención a potenciación do idioma galego. Parece lóxico que sexa a sociedade galega a que o protagonice. Na medida en que os bercianos forman parte desta Galicia, tamén o poden celebrar». E engadiu un dardo envelenado: «Este ano é adicado ó P. Sarmiento. Teño noticia de que a casa onde naceu o P. Sarmiento acaba de derrubarse, en Villafranca». Cela, ¿si ou non? A actualidade literaria, representada polo falecemento de Camilo José Cela, estivo presente no chat. ¿A favor ou en contra de CJC? «Cela é un escritor que non empregou o idioma galego, como Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester, Julio Camba ou Emilia Pardo Bazán. Sen embargo, a obra de todos eles está impregnada de elementos culturais galegos. Paréceme absurdo negarlle a condición de galegos a escritores de este recoñecemento mundial». Eso si, houbo quen propuxo retomar «o galego popular, como dicía Cela», ante o «suicidio da normativa da concordia» e as «normas malas do galego». Resposta: «Non estou dacordo con que a normativa vixente sexa mala. A normativa da concordia, para min, non é ningún suicidio. Non é Cela o exemplo a poñer para falar do galego popular».