Proxectado «Castelao e os irmáns da liberdade»

La Voz

TELEVISIÓN

07 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A Fundación Castelao conmemorou onte o cabodano da morte do intelectual galeguista cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, e a proxección da longametraxe Castelao e os irmáns da liberdade. O realizador, Xan Leira, proponse recuperar a memoria de Castelao e os feitos «que nos engrandecen como pobo». O filme, de formato documental e estructura dramática, está presentado en clave «militante, de compromiso», porque aborda a realidade histórica «dende un plantexamento político persoal, pero con todo o rigor da documentación e das testemuñas de persoas que coñeceron persoalmente a Castelao», explicou o cineasta galego-arxentino ó presentar a película de 77 minutos. Acuarela Comunicación, a empresa con sede en Moaña que produciu a longametraxe, tramita coa TVG e outras canles a programación da película, así como a súa divulgación no ensino e na emigración. A realización do filme foi auspiciada por varias entidades culturais dos países de América do Sur que acolleron a exiliados e emigrantes galegos, e pola Fundación Castelao. Tamén contou coa axuda económica dos concellos de Vigo, Pontevedra e Ferrol, da Universidade de Vigo e do Consello da Cultura Galega. Xan Leira pretende acabar «coa lenda negra sobre os galegos, a que lles atribúe unha actitude de indiferencia fronte á Guerra Civil, cando a realidade é a dun pobo fortemente comprometido». Lectura en Rianxo O Bloque Nacionalista Galego rendeu onte unha homenaxe a Castelao na súa vila natal de Rianxo para conmemorar o 52 cabodano da súa morte. Ó acto asistiron arredor de vinte persoas, entre as que se atopaban a deputada no Parlamento Galego Pilar García Negro. O portavoz da formación frentista no Concello rianxeiro, Tobías Betanzos, leu un anaco da obra Sempre en Galiza, a parte que fai referencia á chegada do escritor a Arxentina. Pilar García insistiu na vixencia de Castelao como a personalidade galega máis importante do século pasado e explicou que a homenaxe non era un acto fúnebre senón unha proclamación da súa vida e obra. Os asistentes fixeron unha ofrenda floral ante o busto do rianxeiro no paseo da Ribeira.