Orientación de expertos e lectores

La Voz

TELEVISIÓN

25 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O día 6 de xaneiro de 2002, La Voz de Galicia entregará os dous primeiros volumes da Biblioteca 120. Serán Follas Novas e o primeiro tomo de Sempre en Galiza. Días antes, ó obxecto de orientar ós lectores que por primeira vez se acheguen a estas obras fundamentais da nosa cultura, expertos e lectores cualificados ofrecerán nas páxinas do periódico as súas reflexións sobre os libros e os seus autores. Este esquema repetirase con tódalas entregas da colección, que no caso dos escritores vivos contarán ademais coa oportunidade de achegarse a eles a través de entrevistas en profundidade. A colección nace coa vontade de achegar unha literatura de gran calidade, chea de rexistros para tódolos gustos, a un público que tradicionalmente non tivo a oportunidade de acceder a ela dun xeito tan doado como agora se lle ofrece. Tapa dura gravada en ouro Narrativa, poesía, ensaio, teatro, viaxes, literatura infantil e xuvenil... de todo hai nesta Biblioteca Galega 120 que se caracteriza pola gran calidade da súa presentación, en formato 12,5 por 21,5 centímetros, tapa dura gravada en ouro, con lombo redondo e cabezadas, que La Voz pon a disposición de tódolos seus lectores ó prezo unitario de tan sólo un euro (166 pesetas) como o mellor xeito de conmemorar os 120 anos de existencia do periódico.