Setenta expertos falan de Curros

REDACCIÓN SANTIAGO

TELEVISIÓN

Compostela acolle desde mañá o primeiro congreso internacional sobre a figura do autor de «Aires da miña terra» A figura de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851-A Habana, 1908) reune desde mañá en Compostela, no Consello da Cultura Galega, a setenta expertos que falarán da vida e obra dun home que puxo en verso o seu amor a Galicia: «¡Ti sólo, Galicia santa!/ ¿Ti, que no antiguo señora,/ escrava ximes agora/ dos caciques baixo a pranta!/ Véndote entre pena tanta,/ Teus bravos fillos ¿que fan?.../ ¿En que pensan?... ¿Onde están, que non collen os fouciños/ e botándose ós camiños/ a redimirte non van?», di no poema «¡Pola unión!». Este congreso internacional rematará o día 16 na Coruña, diante do munumento a Curros

11 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Xesús Alonso Montero, presidente dos comités executivo e científico do Primeiro Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo, pronunciará a conferencia inaugural, ás once da mañá, que leva por título A Guerra Civil tamén se perpetrou contra Curros Enríquez. Despois, as intervencións dese día estarán divididas en apartados como a biografía do autor de A Virxe de Cristal, a súa correspondencia e unha sección na que se falará desde a presencia de Curros nos arquivos do Concello da Coruña ata a historia da casa museo do escritor que está en Celanova. A tarde de mañá estará dedicada a relación de Curros con Cuba, dando a coñecer desde como veu a independencia de Cuba ata como foron os seus últimos anos na illa contado a través de varios testimonios, o seus traballos como xornalista e as traduccións que fixo. As sesións seguirán venres e sábado analizando a obra literaria do escritor. Outras actividades deste encontro serán a homenaxe ó «gueteiro» de Penalta, consistente nun recital poético a cargo do grupo Dolmen, de Ourense, que terá lugar mañá en Penalta, ás 21.30 horas. Para o sábado, ás 19 horas, está previsto outro recital na casa museo do poeta, en Celanova, que fará o grupo Palabra de Poeta. Sen dúbida, un dos actos máis chamativos será o Foro das dezasete arengas que terá lugar o domingo, día 16, ás doce horas diante do monumento a Curros situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña e na que cada orador dispón de cinco minutos. Rematará este congreso na tarde do domingo homenaxeando a José Fontenla Leal na Real Academia Galega e a Curros nun acto literario e musical que terá lugar no teatro Rosalía de Castro da Coruña.