XOSÉ LUIS AXEITOS OPINIÓN
03 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A filosofía da exposición, mecenada por Aluminios Cortizo baixo o patrocinio do Concello, resúmese nestas palabras: Nun país, Galicia, poblado de silencios históricos, cobra especial importancia, para configurar a súa identidade, a testemuña escrita. Rianxo aportou en momentos decisivos para Galicia a palabra e utopía, que se encarnan en nomes concretos capaces de explicar a súa historia: Chariño, os Torrado, Paumán, Castelao, Manuel Antonio, Dieste, Roxerius, Brea Segade, Faustino Rey Romero, Heriberto Bens... Os sete cubos que serven de soporte á mostra elevan a máis de 175 metros cadrados a superficie expositiva. A ceo aberto, o traballo está deseñado para poder ser trasladado e ir na percura do espectador en alamedas e prazas. Entre as 250 imaxes hai un bó número de obxectos descoñecidos de gran interese. A maior parte do material, recollido porta a porta, coa colaboración de moitos rianxeiros é un símbolo da solidariedade. Porque a mostra, lonxe de tópicos e nostalxias, pretende unha reflexión crítica desde o presente. Non tería sentido evocar as glorias do pasado con fins narcisistas. Non, a exposición quere facer presente a obra destes persoeiros para que, responsabilizados co pasado, sexamos máis conscientes da nosa responsabilidade futura coa nosa causa común, Galiza. E queremos tamén que as ondas da nosa canción de obrigada presencia na mostra sexan ondas solidarias, que se renovan cada instante, unindo o aquén e o alén.