MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE
21 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Tres días antes do Día das Letras Galegas chamoume Manuel Bragado, director de Xerais. Deume a mala nova: Golfiño, a única revista de banda deseñada en lingua galega, tiña que morrer despois dun ano e cinco meses nos quioscos. As razóns eran económicas. A revista non conseguira o número de suscriptores mínimo para garanti-la súa sobrevivencia, aínda que as vendas nos quioscos si presentaban unhas cifras aceptables, próximas ós obxectivos que se tiñan previsto. Ás axudas que se negociaban tampouco non chegaron a concretarse. Golfiño debía morrer. Tres días despois contemplaba na televisión, na radio, na prensa, os habituais fastos adicados a conmemora-la memoria de don Eladio. Un home que, din os seus biógrafos, morreu coa tristeza de ver que a ninguén interesaba a publicación da súa magna obra, o hoxe tan loado Diccionario. Deume por pensar que, quizais dentro de vinte ou trinta anos, un deses institutos financiado con fondos públicos e adicado a edita-las obras completas de esgrevios autores esquecidos, poderá facer unha edición facsímil encadernada en pel da única revista de banda deseñada en lingua galega que conseguiu sobrevivir durante máis dun ano nos quioscos. Semella que algúns están interesados en que a cultura galega se reduza a arqueoloxía. Despois de todo, unha cultura morta é sempre máis controlable que unha cultura viva. Mentres manden eles, seguirán morrendo os golfiños.