Vigo, un vello proxecto no tramo final

La Voz

TELEVISIÓN

10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O chamado Museo do Mar de Galicia estase construíndo na parroquia viguesa de Alcabre. Este é un proxecto que foi dando tumbos por varias institucións en busca de financiación ata que a Zona Franca asumiu as obras. O novo edificio constará de tres naves, das que unha estará dedicada a exposicións didácticas, outra a museo, biblioteca, arquivo e sala de conferencias e na terceira instalarase unha área de ocio con cafetería e restaurante, entre outros servicios. O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asegura que este é un dos maiores proxectos culturais de Vigo, «non só de cara ó lecer das xentes, senón polo que significa o mar na historia desta cidade, na súa cultura, no espírito dun pobo que viviu sempre». O proxecto do edificio é de Aldo Rossi pero cando este arquitecto morreu fíxose cargo do proxecto César Portela. Un acuario e un faro duns quince metros son otros atractivos cos que contarán estas instalacións que, segundo os seus promotores, permitirán rexenerar un tramo do litoral no que se ubicará. Polo resto das poboacións costeiras de Galicia hai unha morea de iniciativas, de pequenas poboacións vencelladas ó mar que queren ter un lugar para gardar a súa memoria. Estes son algúns casos. Museo naval en Ferrol. A cidade de Ferrol garda memoria da historia da Marina no seu museo naval, unhas instalacións que poden ser visitadas polo público e que están dedicadas, basicamente, á Armada. A vella nave de Massó en Cangas. A vila de Cangas ten un pequeno museo centrado nas baleas pero tamén ten proxectos para ampliar o mesmo na vella nave de Massó que, coa superficie circundante, suma unha superficie de 180.000 metros cadrados. Faros de Camariñas e Fisterra. Na Costa da Morte hai varios proxectos entre os que están os de converter os faros de Camariñas e Fisterra en museos. O primeiro deles ten, entre outras máquinas, unha que estivo na exposición universal de París do século XIX xa que este foi o primeiro faro de España en ser electrificado. Tamén Corcubión ten como vello proxecto facer un museo no faro das illas Lobeiras.