DÓNEGA E O MUSEO CARLOS MASIDE

La Voz

TELEVISIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

24 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai moitos anos que me teño beneficiado da amizade de Marino Dónega Rozas; tamén do seu saber e da súa prudencia. Hai un tempo que os seus amigos sabiamos da grave enfermidade que soportaba sen queixarse. Andrés F. Albalat, Dónega e eu formabamos a xunta rectora do Museo Carlos Maside ao desaparecer os vellos patróns; primeiro fóisenos Otero Pedrayo, que presidiu o Patronato; seguiron abandonándonos Sebastián Martínez-Risco, Álvaro Gil, Blanco Amor, Chamoso Lamas, Luís Seoane, Rafael Dieste, Valentín Paz-Andrade, Ramón Piñeiro e agora Dónega. Coido que nos coñecimos hai uns 57 anos cando tomabamos café coas nosas noivas no Cantón Bar, onde se podía ver que as parellas non andabamos por sitios escondidos, pois aqueles tempos eran outros. Poucos anos despois, ao meterme a industrial, tiven que acudir aos avogados, e alí, no despacho de Martínez-Risco, estaba Marino Dónega, que levou o noso expediente, supervisado por Sebastián, e exerceu de calmante das miñas impaciencias. Eran tempos difíciles e el me ensinou que a lei é lei e que non hai máis lei que a lei que hai. Polo ano 54 resolveume un difícil problema cando a policía me negou o pasaporte para ir a América, pois na miña ficha aparecía un proceso pendente coa xustiza, e o expediente non aparecía porque outro xuíz o mandou queimar, nunha historia que é mellor non contar polo de agora. A miña relación con Marino foi a máis cando Luís Seoane instalouse por temporadas na Coruña. Foron amigos antes do ano 36. Entón Marino era secretario das Mocedades Galeguistas na Coruña, e Luís, seis anos maior que el, era un veterano do Partido Galeguista, e era autor do célebre cartaz apoiando a autonomía. Dónega recordáballe, cariñosamente, canto había abusado del facéndolle repartir e pegar cartaces. Queríanse e admirábanse moito. Con Marino compartín os primeiros tempos do Consello da Cultura Galega. Viaxabamos xuntos dende A Coruña para asistir ás primeiras xuntanzas constitutivas, e por aí ficou outra historia que, tamén, é mellor non contar polo de agora. Marino Dónega era un intelectual de moito rigor e sen presunción algunha. O pouco que ten escrito, ou pubricado, parécenme exemplos de perfección. Sentía unha grande admiración por Castelao, e publicou del, e escolmou, o único posible naqueles tempos. Fronte aos debates que había sobre a lingua galega, sostiña que o mellor galego, do que tiñamos que arrancar, era o de Castelao. Dónega é unha figura que haberá que estudiar, no que terá que axudar a súa magnífica Fernanda e tamén o seu fillo.